A Rapa das Bestas do Monte de Carballo reúne centos de persoas

O curro do Monte de Carballo volveu ser este domingo o escenario da tradicional Rapa das Bestas, unha cita que congregou numerosos veciños e visitantes para presenciar unha das celebracións con maior arraigamento no municipio de Friol e no rural galego.
Ao longo da xornada, cabalos, cabaleiros e aloitadores protagonizaron un evento no que se mesturan tradición, respecto polos animais e un oficio transmitido de xeración en xeración. O recinto encheuse de público para seguir de preto o desenvolvemento do curro, nun ambiente marcado pola emoción e pola participación de familias e afeccionados chegados de distintos puntos.
A Rapa das Bestas do Monte de Carballo constitúe unha das principais expresións do patrimonio etnográfico da comarca e mantén vivo un legado que forma parte da identidade local. Cada edición converte esta celebración nun punto de encontro para as persoas vinculadas ao mundo do cabalo e para quen desexa coñecer de primeira man unha tradición centenaria.
O alcalde de Friol, José Ángel Santos, destacou o valor desta xornada, asegurando que existen tradicións "que non precisan explicacións, senón que hai que vivilas". O rexedor puxo en valor o respecto polos cabalos, o esforzo dos cabaleiros e aloitadores e o compromiso das novas xeracións por manter viva esta práctica.
Santos tamén agradeceu o traballo de todas as persoas que fixeron posible unha nova edición da Rapa das Bestas e salientou que ver o curro cheo de familias, amizades e visitantes é a mellor mostra de que este patrimonio continúa máis vivo ca nunca e segue sendo un motivo de orgullo para Friol.