A Rede de Custodia Agraria programa tres xornadas divulgativas en granxas de Friol

LugoXa | TerraChaXa
As sesións completaranse cunha degustación final de produtos locais
Vacas-provincia-Lugo
9 Dec 2025

A Rede de Custodia Agraria da Reserva da Biosfera Terras do Miño vén de anunciar a programación de actividades para este mes de decembro, tres xornadas abertas ao público nas que se combinará a divulgación sobre produción sostible, o voluntariado ambiental e a degustación de produtos locais. As iniciativas son gratuítas grazas ao apoio da Deputación de Lugo, e recoméndase ás persoas participantes levar roupa e calzado axeitados para o traballo no campo.

A primeira cita terá lugar o sábado 13 de decembro na granxa familiar Bértolos & Serranos, en Friol, onde se dará a coñecer o seu labor na produción de leite ecolóxico e queixos artesáns. Durante a visita explicarase o seu modelo baseado no pastoreo rotacional, na ausencia de produtos químicos e no coidado do benestar animal. A xornada incluirá unha acción de voluntariado destinada á colocación dun cartel divulgativo sobre o papel da custodia agraria, así como unha degustación de produtos locais.

O domingo 14 de decembro será a quenda de Casa Codesal, outra explotación familiar produtora de leite ecolóxico que amosará o seu método de manexo do gando, recoñecido con diversos premios pola súa calidade. As persoas participantes tamén tomarán parte nunha actividade de voluntariado e finalizarán a visita cunha degustación de produtos da Reserva da Biosfera.

A terceira proposta desenvolverase o domingo 21 de decembro en Traloagro, en Friol, unha granxa centrada na produción ecolóxica de carne de terneira e polo, cun forte compromiso coa sostibilidade e o benestar animal. A explotación explicará o seu proceso de traballo, que vai desde o pastoreo ata a elaboración no seu propio biocentro cárnico. A xornada completarase coa colocación dun cartel divulgativo e cunha degustación final de produtos locais.

⚙ Configurar cookies
0.074373960494995