A Rede Museística de Lugo acollerá catro obradoiros gratuítos de literatura e creatividade financiados por Erasmus+

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A iniciativa, impulsada por Terras Irmãs en colaboración con entidades galegas e portuguesas, percorrerá os museos de Friol, Monforte, Lugo e Cervo do 18 ao 21 de agosto
Museo-Lugo-provincial
2 Aug 2026

A Rede Museística Provincial de Lugo será escenario, entre os días 18 e 21 de agosto, dun ciclo de obradoiros gratuítos centrados na literatura, a lectura en voz alta e a creatividade, organizados pola asociación cultural Terras Irmãs en colaboración coa Cultiv – Associação de Ideias para a Cultura e Cidadania e coa propia Rede Museística Provincial. Trátase da primeira acción vinculada ao programa Erasmus+ que desenvolve a entidade lucense.

As actividades estarán impartidas por Filipe Lopes e Ana Cristina Pereira e desenvolveranse en galego e portugués, co obxectivo de fomentar a creatividade, a intelixencia emocional e a creación de comunidade arredor da cultura, entendida como unha ferramenta de inclusión social.

O programa arrancará o martes 18 de agosto, ás 18.00 horas, na Fortaleza de San Paio de Narla, en Friol, co obradoiro 'A tradución do medo'. O mércores 19 de agosto, tamén ás 18.00 horas, a actividade trasladarase ao Pazo de Tor, en Monforte de Lemos, onde se impartirá 'Manual para crear un xardín na casa'.

A programación continuará o xoves 20 de agosto no Museo Provincial de Lugo coa proposta 'Saramago para todas as linguas', mentres que o ciclo concluirá o venres 21 de agosto no Museo Provincial do Mar, en Cervo, co obradoiro 'O contador de historias'.

Todas as actividades son gratuítas, están financiadas polo programa Erasmus+ e requiren inscrición previa a través do correo electrónico concertacionsrmp@gmail.com.

0.12144804000854