A Rede Museística de Lugo aumenta un 20 % as visitas en setembro, no mes do seu 20º aniversario

A Rede Museística Provincial de Lugo rexistrou en setembro 7.084 visitas nos seus catro espazos, un 20 % máis que no mesmo mes de 2025, cando contabilizara 5.879 persoas. O incremento coincide coa celebración do seu 20º aniversario e cunha programación que incluíu novas exposicións, propostas educativas e actividades para distintos públicos.
O balance acumulado do ano ascende a 57.312 visitantes. Deles, 6.680 proceden doutros países, nun contexto de diversidade cultural no que Lugo reúne persoas de máis de 126 nacionalidades. A presenza feminina tamén destaca nas estatísticas da Rede: as mulleres representan o 56 % das visitas, fronte ao 44 % dos homes.
Entre as exposicións incorporadas en setembro figura '500 Mulleres na Arte', impulsada por Concha Mayordomo e dedicada a recuperar a memoria das creadoras, que pode visitarse nos catro museos. O Museo Provincial acolle tamén 'Lodeiro. Obra Gráfica', unha homenaxe a Xosé Telmo Lodeiro, mentres que 'Átona', de Ruth Lodeiro, afrontou o seu tramo final.
A programación expositiva completouse con '21 Sempre', unha proposta con obras de máis de 40 artistas arredor da memoria, os coidados e o alzhéimer, e 'Mulleres de Gaza', vinculada á liña de museoloxía social da Rede. Ademais, presentouse 'O legado do tempo', unha colección de reloxos doada por José Antonio Puentes Romay, e incorporáronse novas obras cedidas por Violeta Bernardo, Ruth Lodeiro e Isaac Senchermes.
Setembro foi tamén o mes de inicio do curso educativo, cun programa para escolares baixo o lema 'Aprender a mirar, aprender a escoitar'. A Rede retomou, ademais, as actividades destinadas ao público adulto e sénior, entre elas os paseos de arte e as sesións de 'Coñecer, coidar e compartir'.
A celebración central dos vinte anos de traxectoria tivo lugar o 30 de setembro no Museo Pazo de Tor, coa xornada 'O valor das palabras', concibida como un espazo de encontro para conmemorar o percorrido comunitario da Rede, dependente da Área de Cultura da Deputación de Lugo.