A Rede Museística presenta a programación didáctica para o novo curso

TerraChaXa | LugoXa | RibeiraSacraXa | AMariñaXa
Coincidindo coa data de inicio do curso escolar 2023-2024, a Rede Museística Provincial pon a disposición dos centros escolares a súa programación para o curso escolar 2023-2024, con multitude de propostas tanto presenciais como virtuais no Museo Provincial de Lugo, no Museo do Mar de San Cibrao, no Pazo de Tor e no Museo Fortaleza San Paio de Narla.
presentacion programacion rede museos
1 sep 2023

Coincidindo coa data de inicio do curso escolar 2023-2024, a Rede Museística Provincial pon a disposición dos centros escolares a súa programación para o curso escolar 2023-2024, con multitude de propostas tanto presenciais como virtuais no Museo Provincial de Lugo, no Museo do Mar de San Cibrao, no Pazo de Tor e no Museo Fortaleza San Paio de Narla.

O obxectivo da programación é achegar, un curso máis, o patrimonio conservado nos museos ao alumnado a través dun conxunto de actividades artelladas ao redor do lema “Un país no mapa”, que ten como referencia o mapa de Fontán (o Pazo de Tor conserva unha das copias orixinais) e que pretende vincular o patrimonio dos museos ao territorio e á comunidade.

A deputada de Cultura Iria Castro subliñou “o importante traballo que realiza a Rede Museística ano tras ano para crear vínculos coa comunidade educativa e ofrecer propostas e materiais adaptados á aprendizaxe dos máis pequenos e pequenas, que contribúen tamén a sensibilizar na conservación do patrimonio e da memoria”.

A xerente da Rede Museística Encarna Lago explicou que “coincidindo co inicio do curso, reforzamos a comunicación cos centros escolares para ofrecer esta programación e facilitar o traballo do profesorado na planificación do curso”.

A programación, presentada este mediodía nun acto no que participaron tamén a concelleira de Cultura de Lugo Maite Ferreiro, a directora do Museo de Lugo Aurelia Balseiro e persoal de didáctica, contempla actividades comúns aos catro museos, como visitas de iniciación guiadas por persoal de didáctica, talleres para afondar no formato artístico do retrato e o autorretrato e propostas sobre diversidade e igualdade de xénero, centrados na obra de mulleres artistas presentes nos museos. Ademais, cada museo ofrece actividades adaptadas aos seus fondos, espazo e entorno.

A Rede Musesítica tamén ofrece a profesorado, alumnado e familias recursos educativos en liña a través da plataforma www.comunidadermpl.es e mantén a fórmula da “maleta viaxeira”, coa que se levan as actividades aos propios centros.

0.19431495666504