A representación teatral ‘Os contos de Dona Malva Rosa’ chega a Santaballa o domingo

A parroquia de Santaballa, en Vilalba, acollerá este domingo 8 de novembro, ás 18.00 horas, a representación de Os contos de Dona Malva Rosa, unha proposta cultural e teatral centrada na sensibilización, prevención e atención ás vítimas da violencia de xénero.
A actividade está organizada pola Asociación de Mulleres Rurais Agarimo e a Liga Santaballesa e pretende achegar ao ámbito rural unha mensaxe de igualdade, respecto e liberdade a través dos contos e da tradición oral.
A peza, creada coa colaboración de Ítaca Teatro e impulsada pola Asociación E-deidades, utiliza a narración para visibilizar diferentes formas de violencia machista, favorecer a identificación temperá de comportamentos abusivos e reforzar as redes comunitarias de apoio ás vítimas.
Baixo o lema «Fronte á violencia de xénero, contos que abren camiños», a proposta aposta polo teatro como ferramenta para educar, emocionar e transformar, promovendo a reflexión e a construción dunha sociedade máis igualitaria.