A residencia de maiores de Pol celebra o seu quinto aniversario

Pol
LugoXa | TerraChaXa
José Tomé Roca, xunto ao alcalde, Lino Rodríguez, compartiu este venres unha xornada festiva cos usuarios e usuarias, traballadores e familiares
quinto-aniversario-residencia-maiores-pol
Celebración do aniversario da residencia de maiores de Pol
7 Jun 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Alcalde de Pol, Lino Rodríguez, compartiu este venres cos residentes do Centro de Atención a Maiores o quinto aniversario da apertura do centro desta localidade, que a institución provincial puxo en marcha en colaboración co Concello. José Tomé mantivo un encontro co persoal da residencia e cos usuarios e usuarias e familiares, que lle trasladaron o seu agradecemento por apostar por unha rede de centros públicos, de calidade e que lle permite á veciñanza quedarse a vivir na súa contorna.

O mandatario provincial, que estivo acompañado tamén polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera e a Directora do centro, Inés Zas, participou nos actos organizados pola Deputación para conmemorar esta data tan especial. “Estou encantado de estar un ano máis celebrando coa familia do CAM de Pol esta xornada festiva, e ver con ledicia que seguen a desfrutar do ambiente acolledor que caracteriza as nosas residencias", sinalou José Tomé. Destacou que “na Deputación de Lugo temos un modelo de residencias público, centrado nas persoas, que serve de referente tanto en España como en Europa”.

Así mesmo, destacou o Presidente o compromiso desta institución “por manter e mellorar, se é posible, os coidados e a atención” que reciben os usuarios dos centros de atención a persoas maiores, e tamén a seguir ampliando a rede de residencias da Deputación porque, con este servizo, “estamos atendendo ás persoas e, ao mesmo tempo, creando emprego e actividade económica no rural”. De feito, lembrou que no caso do CAM de Pol, a Deputación incorporou melloras nos últimos anos á demanda do propio persoal e dos usuarios e usuarias, co obxectivo de ofrecer unha maior atención de calidade e mellorar as condicións de traballo.

Unha xornada dedicada á memoria de Pepe

Durante a xornada festiva rendeuse homenaxe a Pepe Pena, un dos primeiros usuarios que ingresou no centro no 2019 cando abriu as súas portas, e que faleceu en xuño do pasado ano tras solicitar a eutanasia. O Presidente xunto co persoal, os residentes, e a familia de Pepe, participou no emotivo acto organizado pola Deputación e o centro, no que se plantou unha árbore do recordo no xardín, en memoria de Pepe.

Ademais, as 36 persoas que residen no Centro de Atención a Maiores de Pol desfrutan ao longo da xornada de diferentes actividades programadas pola Deputación para celebrar o quinto aniversario da apertura da residencia. Pola mañá, tiveron misa, actividades para recordar estes anos xuntos, como a excursión ao programa da TVG Land Rober, as clásicas lumaradas que acostuman a facer cada ano en San Xoán, ou a participación na Festa do Emigrante. Ao mediodía, o mandatario provincial acompañounos nun xantar con menú especial para celebrar este acontecemento, e pola tarde os usuarios e usuarias puideron desfrutar de música, baile e unha chocolatada con churros.

9 residencias abertas

A Deputación abriu dende o ano 2019 con José Tomé Roca como presidente 6 residencias –na Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil-, que se suman ás tres que estaban en funcionamento –en Trabada, Ribadeo e Pol-. Polo tanto, conta xa con 9 centros de atención a maiores, que ofrecen en total máis de 300 prazas asistenciais e manteñen uns 230 postos de traballo directos, o 95% deles ocupados por mulleres. Así mesmo, a institución provincial segue avanzando a bo ritmo na construción dos centros de Becerreá, Guitiriz, A Pobra do Brollón e A Pontenova, e ten en proxecto centros en Portomarín, Ourol, Cervantes, Folgoso do Courel e Pantón.

0.16620302200317