A residencia de Meira celebra o primeiro aniversario da apertura do centro

TerraChaXa
Tomé celebra cos usuarios e usuarias da residencia de Meira o primeiro aniversario do centro de maiores en dous días de festa
celebracion tercer aniversario residencia maiores meira
2 Dec 2022

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, compartiu este xoves os actos do primeiro aniversario da apertura do Centro de Atención a Maiores Santa María de Meira cos residentes, traballadores e familiares desta residencia da institución provincial. “Estou moi satisfeito de poder estar hoxe aquí, compartindo esta celebración tan especial, como é o primeiro aniversario da apertura desta residencia”, sinalou José Tomé, que estivo tamén acompañado polo deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o alcalde do municipio, Antonio de Dios Álvarez.

Destacou o presidente o esforzo conxunto dos usuarios, traballadores e familiares para facer deste centro un fogar e convidoulles a falar con el para contarlle como están e trasladarlle propostas. “Porque o centro construíuno e manteno a Deputación de Lugo, xunto co Concello, pero este centro é das usuarias e dos usuarios, xa que todos teñen dereito a contar cun servizo de atención público, de calidade, que lles permite pasar esta etapa da vida ben atendidos, tranquilos, cerca das súas familias, de onde viviron sempre, e o máis felices posible”, sinalou o mandatario provincial. Engadiu Tomé Roca que “este é un dereito básico. É de xustiza devolver ás persoas maiores o moitísimo que fixeron pola sociedade ao longo da súa vida de traballo”.

“As competencias en atención á terceira idade correspóndenlle á Xunta, pero se esta mira para outro lado e non é capaz de construír residencias para os veciños da nosa provincia, dende a Deputación non vamos deixar de atender nunca esas necesidades”, sinalou o mandatario provincial. Neste sentido, lembrou que a Deputación ten a día de hoxe 8 residencias abertas, e que nas vindeiras semanas inaugurará outra no concello de Ribas de Sil.

O presidente comprometeuse a “seguir construíndo máis centros coma este, outros 9, porque é o que necesita a nosa provincia e porque temos o modelo acertado”, engadindo que o máis satisfactorio da inversión en materia de residencias é ver ben aos residentes e ás súas familias.

A Deputación de Lugo ten en funcionamento os Centros de Atención a Maiores de Trababada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira e Navia de Suarna -os cinco últimos abertos neste mandato- e ten previsto abrir este ano o de Ribas de Sil. Ademais, continúa a traballar nos proxectos da Pontenova, Portomarín, Guitiriz, Becerreá, A Pobra de Brollón, Ourol, Cervantes, Folgoso do Courel e Ferreira de Pantón. 

Dous días de celebración

Entre onte e hoxe, as 30 persoas que residen no Centro de Atención a Maiores de Meira gozan das diferentes actividades programadas pola Deputación para celebrar o primeiro aniversario da apertura da residencia.

Durante a visita do presidente, interpretaron xunto ao alumnado do Instituto Pedregal de Irimia un recital de poesía e cantigas, “un exemplo ben fermoso de convivencia e de colaboración entre xeracións, e unha maneira de recordar que os nosos maiores deben ter un papel esencial na nosa sociedade, para seguir aportando coñecemento e experiencia a quen terá que construír o futuro da nosa terra”. Seguidamente tiveron unha comida con menú especial e unha sesión de baile.

Hoxe haberá misa e sesión vermú, un encontro coas familias, actuación dos residentes e diferentes sesións musicais pola tarde.

0.13145995140076