A Romaría da Eclipse Solar reúne en Guitiriz ciencia, música e centos de persoas para seguir o fenómeno astronómico

Guitiriz viviu este mércores unha xornada especial con motivo da eclipse total de Sol, cunha programación que combinou divulgación científica, música en directo e natureza, convertendo a parroquia de Santa Mariña nun dos puntos de encontro da comarca para seguir este acontecemento astronómico histórico.
A Romaría do Eclipse Solar, organizada polo Concello de Guitiriz, arrancou ás 19.00 horas no Campo da Festa coa actuación do grupo Soul&Roll, que puxo a banda sonora aos momentos previos a un fenómeno que espertou unha gran expectación entre a veciñanza e os visitantes.
Ás 19.30 horas, a actividade trasladouse ata a contorna do monólito Irmáns da Lexía, onde numerosas persoas participaron nunha observación guiada da eclipse. Durante o desenvolvemento do fenómeno, o público puido coñecer detalles sobre as diferentes fases da eclipse e recibir explicacións divulgativas sobre este acontecemento astronómico excepcional.
Para garantir unha observación segura, o Concello distribuíu de forma gratuíta lentes homologadas facilitadas pola Deputación de Lugo, permitindo que os asistentes seguisen a evolución do eclipse con todas as garantías.
Unha vez superado o momento central da totalidade, a programación retomouse no Campo da Festa coa segunda parte da actuación de Soul&Roll, incluída no programa Cultura no Camiño de AGADIC.
A celebración permitiu poñer en valor o patrimonio natural de Santa Mariña e ofrecer unha proposta de lecer arredor dun dos fenómenos astronómicos máis importantes das últimas décadas. A combinación da observación científica cunha programación musical ao aire libre contribuíu a crear unha experiencia pensada tanto para o público local como para as persoas chegadas desde outros puntos de Galicia para vivir unha xornada que quedará na memoria colectiva.