A Romaría Labrega da Chaira celebrará a súa XXXIV edición esta fin de semana

Os Vilares, no concello de Guitiriz, acollerán esta fin de semana a XXXIV edición da Romaría Labrega da Chaira, unha das celebracións máis representativas do verán na comarca chairega. A Carballeira do Cancelo volverá converterse no escenario dunha festa que reunirá actividades para todos os públicos, cun programa no que se mesturan tradición, cultura popular, deporte, gastronomía e música.
A programación dará comezo o sábado 8 ás 10.00 horas coa saída da ruta cabalar desde a carballeira do Cancelo, con parada a metade da ruta para uns pinchos. Unha hora máis tarde abrirá as súas portas a mostra de artesanía e, ás 11.30 horas, disputarase a XXXIV Carreira Popular absoluta. A continuación celebraranse as carreiras infantís e a entrega de premios.
Ao mediodía haberá un xantar a base de paella, carne asada con patacas e pementos, sobremesa, café e licores, por 28 euros. Os interesados en participar deberán retirar o tícket antes do 6 de agosto a través de Miguel (630 407 836), Tom (680 437 203) ou Toki (629 363 601).
O pregón desta edición correrá a cargo de Jesús Veres Vázquez, fundador da Romaría Labrega da Chaira. A sesión vermú estará amenizada polo grupo Os da Nogueira antes do tradicional xantar popular na carballeira.
A tarde continuará cunha xinkana de cabalos e coa carreira de cabalos, ambas con premios para os mellores clasificados. A partir das 20.30 horas terá lugar a entrega de premios e o sorteo dunha xovenca de raza Rubia Galega. A xornada rematará cunha degustación gratuíta de liscos e chourizos e coa actuación dos grupos As Pías e Ailá.
A programación do domingo 9 arrancará ás 10.30 horas coa recepción de vehículos antigos na Carballeira do Cancelo e, media hora despois, iniciarase unha nova ruta. Ás 11.30 horas abrirase novamente a mostra de artesanía, que contará durante toda a xornada con demostracións de cantería, escultura con motoserra e un obradoiro de cestería.
Un dos principais atractivos do día será a presenza do equipo Hacha STIHL TIMBERSPORTS, que ofrecerá unha primeira exhibición ás 12.30 horas e unha competición de tres motoserristas ás 19.00 horas.
Ao mediodía actuarán Os Trapeiros dos Vilares, que tamén presentarán a Muiñeira dos Trapeiros. A sesión vermú estará protagonizada por Os Pantoxos e dará paso ao xantar popular.
Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, o público infantil poderá gozar da Romería Pequena a cargo de Peter Punk Pallaso, seguida dunha festa da escuma. Ás 20.30 horas celebrarase o sorteo dunha figura realizada con motoserra e, como peche da festa, haberá unha nova degustación gratuíta de liscos e chourizos acompañada polas actuacións de Os Trapeiros dos Vilares e da Asociación Cultural Entre Lusco e Fusco de Vilalba.
A Romaría Labrega da Chaira está organizada pola Asociación de Veciños, Cultural e Medioambiental dos Vilares, coa colaboración da Comunidade de Montes en Man Común dos Vilares, do Concello de Guitiriz e doutras entidades e empresas colaboradoras, consolidándose un ano máis como unha das grandes citas festivas e culturais da comarca da Chaira.