A Romería da Xestosa coas súas poxas volve esta fin de semana

O Concello de Muras celebrará a súa tradicional Romería de San Antonio da Xestosa esta fin de semana do 12 ao 14 de xuño. Así, as festas darán comezo este ano o venres, ás 20.30 horas cunha misa solemne e, deseguido, haberá unha degustación gratuíta de xamón, chourizos, queixo e pan. A noite estará amenizada polo dúo Venus.
O sábado arrancarán o día coa misa solemne ás 13.00 horas con procesión seguida de sesión vermú coa orquestra Tokio e, pola tarde e a noite, este mesmo grupo acompañará da Discomovil Olympo. Rematarán a noite con chocolate con biscoitos.
Ás 15.00 horas está previsto o xantar popular no campo da festa a base de paella, codillo asaddo con patacas, sobremesa, café e licores por un prezo de 30 euros. As persoas interesadas en asistir deberán anotarse hoxe como último día nos teléfonos 697 882 724 e 697 882 760.
O domingo, haberá oficio relixioso tamén á mesma hora acompañada polo grupo de música tradicional Foles de Vieiro. Rematarán con sesión vermú prolongada con Verónica Cambón, que poñerá o punto e final a dous días de celebración.
Nesta romaría, que se celebra ininterrompidamente dende hai un século, haberá poxas o sábado e o domingo sendo un dos poucos lugares de Galicia onde se conservan. Toda a veciñanza lembra esta romaría de sempre, sen quedar ningún ano sen celebración. Só por mor da guerra civil trasladouse un ano ao mes de setembro. Durante a pandemia aínda que non houbese festa, os veciños achegábanse un momento para saudar ao Santo.
As poxas son unha a ofrenda ao Santo Antonio de Padua en agradecemento das boas colleitas obtidas e para pedir abondosas recolleitas nas vindeiras tempadas. Sendo de tan antiga tradición, manteñen gran popularidade na Xestosa. A veciñanza achega todo tipo de ofrendas; produtos da horta como patacas, millo, produtos de elaboración local como o queixo, o pan, sen faltar os ovos por ducias, os lacóns e todo tipo de manxares. Mesmo se conservan as poxas de animais vivos: galiñas, quicos, coellos, pavos e dependendo do ano, ata cordeiros, recadándose deste xeito importantes cantidades de diñeiro.