A Romería da Xestosa coas súas poxas volve esta fin de semana

TerraChaXa
O Concello de Muras celebrará a súa tradicional Romería de San Antonio da Xestosa, esta fin de semana coa novidade de que engade un día máis.
romeria xestosa muras portada
9 Xuño 2023

O Concello de Muras celebrará a súa tradicional Romería de San Antonio da Xestosa, esta fin de semana. Así, as festas dará comezo o sábado 10 de xuño coa misa solemne ás 12.00 horas con procesión seguida de sesión vermú co grupo Galia e, pola noite, este mesmo grupo acompañará ao dúo Gaia na verbena.

Ás 15.00 horas está previsto o xantar popular no campo da festa a base de empanada, ensaladilla, codillo asado, tarta xeada e café por un prezo de 25 euros. As persoas interesadas en asistir deberán anotarse antes do 8 de xuño nos teléfonos 617 914 924, 666 230 599 e no 669 302 211.

Pola noite tamén haberá pinchos gratis para todos os asistentes.

O domingo, haberá oficio relixioso tamén á mesma hora e sesión vermú prolongada co trío Zafiro, que poñerá o punto e final a dous días de celebración.

HISTORIA

Nesta romería, que se celebra ininterrompidamente dende hai un século, haberá poxas os dous días, sendo un dos poucos lugares de Galicia onde se conservan. Toda a veciñanza lembra esta romaría de sempre, sen quedar ningún ano sen celebración. Só por mor da guerra civil trasladouse un ano ao mes de setembro. Durante a pandemia ainda que non houbese festa, os veciños achegábanse un ratiño para saudar ao Santo.

As poxas son unha a ofrenda ao Santo Antonio de Padua en agradecemento das boas colleitas obtidas e para pedir abondosas recolleitas nas vindeiras tempadas. Sendo de tan antiga tradición, manteñen gran popularidade na Xestosa. A veciñanza achega todo tipo de ofrendas; produtos da horta como patacas, millo, produtos de elaboración local como o queixo, o pan, sen faltar os ovos por dúcias, os lacóns e todo tipo de manxares. Mesmo se conservan as poxas de animais vivos: galiñas, quicos, coellos, pavos e dependendo do ano, ata cordeiros, recadándose deste xeito importantes cantidades de diñeiro.

As alfombras florais son máis novas, lévanse facendo dende o 2021 grazas a iniciativa de Gloria, que xa as facía en Lois, o seu pobo de León, antes de vir no 2019 a vivir A Xestosa, en Muras. Utiliza pétalos das dixitais purpúreas (campaniñas), das xesta, das semprevivas, das hortensias, e o verde do mirto, loureiro ou tuia así como pousos de café ou serradura para certos ornamentos. Nelas sempre salienta a Santo Antonio de Padua, A Xestosa e Muras.

Os Amigos dos Cabalos Atila de Muras fan a ruta a cabalo saindo de Muras e percorrendo o lugar. Acompañan a procesión das catro imaxes ao redor da capela apoiando aos devotos, e quedan ao xantar popular da carpa do concello.

Antigamente tamén se facía este recorrido andando dende distintas orixes da comarca, camiñando e portando os animais e outros tipos de ofrenda para a poxa. Parte da ruta coincidía desde Irixoa co antigo camiño de Santo André de Teixido.

romeria xestosa muras
0.10238909721375