A Ruta BTT Terra Chá San Simón da Costa percorrerá o 4 de abril tres concellos

O sábado 4 de abril, volverá celebrarse a Ruta BTT do Club Ciclista Terra Chá, a que será a décima edición, coincidindo coa celebración da Feira do Queixo San Simón da Costa.
Para este 2026 a organización ten preparadas as tres distancias e niveis de dificultade de 75, 45 e 45 quilómetros que percorrerán os concellos de Vilalba, Muras e Xermade. Os desniveis serán de 2000 metros na primeira ruta, 1.700 na segunda e 700 na terceira. Logo, ten unha cuarta variante, para bicicleta gravel, de 70 kms e 1.600 metros de desnivel. Este ano sairase ás 9:00 horas desde a Praza da Constitución, en plena feira.
Aqueles que participen contarán con abundantes avituallamentos, servizo médico e servizo de asistencia mecánica en ruta. Rematarán cuns pinchos, cervexa e froita para os participantes no lugar da meta, antes da comida, que terá lugar no pavillón do CEIP Insua Bermúdez.
Haberá un agasallo para o primeiro, segundo e terceiro participante da categoría masculina na distancia longa e para a primeira, segunda e terceira participante da categoría feminina na distancia longa, polo que terán que acreditar ter realizado todo o percorrido mediante Strava. Tamén haberá agasallo para o club máis numeroso e para o participante de maior idade.
As inscricións xa están abertas en CCnorte.com ata o 31 de marzo. O prezo é de 23 euros para federados e de 38 para os que necesiten licenza por un día, e as prazas están limitadas a 300 persoas maiores de 15 anos.