A Ruta das Fontes e dos Regos, o itinerario para coñecer a parroquia de Órrea, en Riotorto

TerraChaXa | AMariñaXa
A Asociación de Veciños da parroquia de Santa Comba da Órrea encargouse de trazar e acondicionar o itinerario, a través do que se pode apreciar a relevancia que tivo a auga na vida cotiá do lugar
Ruta-das-Fontes-e-dos-Regos-riotorto
Imaxe da ruta
19 Maio 2024

Trátase dunha ruta duns 6 quilómetros e de dificultade media trazada e acondicionada pola Asociación de Veciños da parroquia de Santa Comba da Órrea do concello de Riotorto. O itinerario, composto polo conxunto de fontes e regos da aldea, permite coñecer este pequeno núcleo poboacional situado na serra de Meira e gozar dunha paisaxe típica do noso rural.

Ao longo do itinerario pódese apreciar a relevancia que tivo a auga na vida cotiá deste lugar, na que a veciñanza se encargou de sinalizar a viaxe e colocar indicadores para dar a coñecer o nome dos puntos da ruta. O percorrido comeza a carón da igrexa parroquial, un sinxelo templo de orixe medieval que conserva a súa nave inicial.

As reformas ao longo dos séculos déronlle a súa configuración actual na que destaca o pórtico a espadana das campás e a capela maior. Outro dos restos da construción son os capiteis do arco triunfal decorado con decoración vexetal. A viaxe comeza na Eirexa para seguir por un camiño asfaltado, pasando pola Roxiña, ata a Fonte do Valquente, a primeira da ruta ao tempo que distintas especies de árbores autóctonas acompañan ao camiñante.

Desde este punto continuamos ata o Rego dos Corvos. Deixamos atrás a estrada, aínda que podemos aproveitar para desfrutar das vistas ao lonxe e achegámonos por un ancho sendeiro ata a aldea da Casanova. A ruta segue en ascenso ata  Fonte do Rego para chegar ás Selas, onde poderemos contemplar localidades encadradas no concello da Pontenova como Beche ou Xudán.

Se continuamos avanzando chegaremos ata o río Mourín, cruzamos a ponte do pola súa marxe esquerda mentres o verde segue a ser un gran protagonista dunha paisaxe idílica. Chégase á Fonte da Casanova, dende onde comezará o ascenso que pasará polo Rego do Xardel e o Rego do Val e a Fonte da Órrea. Remataremos ruta circular novamente na Eirexa despois de pasar o río de Covas pola ponte da Órrea.

 

 

0.23828196525574