A sala infantil da Biblioteca Municipal das Pontes reabre con horario reducido tras o seu peche temporal

A sala infantil da Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco das Pontes volverá abrir as súas portas nos vindeiros días cun horario reducido, despois do peche temporal que se viu obrigada a aplicar debido a diversos comportamentos incívicos que impedían o correcto funcionamento deste espazo.
O servizo estará dispoñible de luns a venres entre as 17.30 e as 19.00 horas, permitindo de novo que os máis pequenos poidan gozar dun lugar destinado á lectura, á aprendizaxe e ao lecer.
Desde o Concello confían en que esta reapertura se desenvolva con normalidade e apelan á responsabilidade de todas as persoas usuarias para conservar a sala como un espazo seguro, agradable e respectuoso. O obxectivo é garantir que a cativada poida facer uso das instalacións nas mellores condicións posibles.
A administración local tamén quixo agradecer a comprensión mostrada polas familias durante as últimas semanas, lembrando que o coidado dos espazos públicos é unha responsabilidade compartida que require da colaboración de toda a veciñanza.