A situación do lobo suma máis críticas contra a Xunta

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O lobo volve á palestra política co novas críticas á Xunta de Galicia pola súa xestión. Os partidos da oposición levaron o tema ao Parlamento.
logo agro
logo agro
17 Feb 2021

O lobo volve á palestra política co novas críticas á Xunta de Galicia pola súa xestión. Os partidos da oposición levaron o tema ao Parlamento mentres Adega tamén fixo a súa valoración sobre a situación actual.

PSOE

A Comisión de Agricultura do Parlamento aprobou unha proposta presentada polo PP que incorporou finalmente unha transacción incluída polo Grupo Socialista para pedirlle á Xunta que actualice e pague en prazo as axudas para prevención e por danos ocasionados polo lobo.

Seco chamou así ao executivo autonómico a “actuar seriamente con axudas para prevención suficientes, para que os danos provocados por esta especie sexan menores e que sexan reparados a tempo, sen demoras insoportables e con fondos suficientes para compensar aos gandeiros”. Chamou así á intervención do goberno galego para garantir a convivencia desta especie, fundamental para o equilibro da fauna, coa gandería extensiva.

O portavoz de gandaría do Grupo Socialista, Martín Seco, foi o encargado de presentar esta emenda na que empraza ao goberno galego a “liderar, xunto con Asturias, Cantabria e Castela e León, a estratexia nacional para a conservación do lobo”. E elabore un novo Plan do Lobo consensuado entre as asociacións en defensa do lobo, gandeiros e veterinarios, no que participen os expertos nesta especie do comité técnico constituído recentemente.

Ademais, reclámalle ao goberno galego que actualice os censos poboacionais e elabore un novo mapa de presenza do lobo en Galicia, suplementando o orzamento de 2021 para prevención e danos ocasionados por esta especie.

O responsable socialista lembra que os últimos censos oficiais da especie son de hai máis de 5 anos, mentres o plan de xestión se remonta ao ano 2008, cando o goberno galego estaba presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, polo que “debe adaptarse aos tempos actuais e aos avances técnicos existentes.

BNG

O BNG defende a necesidade de protexer o lobo, dando cumprimento ademais a un mandato legal internacional, e compatibilizar esta protección coa dos sectores económicos que desenvolven a súa actividade no medio rural, especialmente o da gandería, a través do despregamento dun conxunto amplo de medidas e recursos destinados á prevención e á compensación dos danos que ocasiona esta especie.

Así o defendeu en comisión parlamentaria o portavoz nacionalista de Medio Ambiente, Luís Bará, quen recalcou que o debate sobre o lobo está sometido a “altas doses de populismo, manipulación, oportunismo e alarmismo” posto que se está desenvolvendo unha campaña que denominou de “lobofobia” pretendendo converter a este animal “en culpable de todos os males do rural”. “O problema non é o lobo, o problema é a falta de medios de axuda da Xunta e do resto de gobernos para a gandería, sobre todo para as 2.400 explotacións que traballan en extensivo; en definitiva, unha mostra máis do abandono do medio rural”, recalcou.

Bará recordou que a protección desta especie é unha obriga derivada do contexto legal internacional (segundo o convenio de Berna e directiva comunitaria) e que a maior parte dos países europeos xa teñen desenvolvida a súa protección, incluído o país veciño Portugal, que dende 1990 outórgalle o máximo grao como especie protexida en perigo de extinción. “A vostedes preocúpalles que o lobo pase de ser especie cinexética amparada pola lei de caza a especie protexida amparada pola lei de Patrimonio Natural e da Biodiversidade”, reprochou ao grupo parlamentario do PP, para a continuación subliñar “porque isto vai ter consecuencia penais, sobre todo sobre eses máis de 200 lobos que cada ano se matan ilegalmente con distintos métodos”.

Logo de afearlle tamén a falta de desenvolvemento e incumprimento do Plan de Xestión do Lobo de 2008, o portavoz de Medio Ambiente propuxo acometer correctamente a protección da especie cun novo plan ou co cumprimento e actualización do de 2008. “O lobo debe estar na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE) e tamén na listaxe galega prevista na Lei de Patrimonio Natural e da Biodiversidade”, explicou logo de reclamar un estudo de investigación (o último é de 2015) para obter unha radiografía correcta da situación do lobo en Galiza.

ADEGA

O colectivo ecoloxías Adega asegura que os datos oficiais dos censos de lobo indican que nas últimas décadas a poboación desta especie en Galiza está estancada, e desacreditan que a súa poboación teña experimentado un incremento no territorio. Indica tamén que o Ditame do Comité Científico do Ministerio de Transición Ecolóxica recomenda a inclusión de todas elas no Listado de Especies Silvestres en réxime de Protección Especial.

Adega está convencida de que a inclusión do lobo na Lesrpe será positiva para a protección da especie, o cal non ten por que resultar negativa para as explotacións gandeiras "sempre e cando a Administración asuma a súa responsabilidade de propiciar recursos e instrumentos necesarios e axeitados para tal fin. Ademais, despois de décadas de caza (legal e ilegal) do lobo en Galiza fica demostrado que esta medida resultou infrutuosa para solucionar o problema".

Consideran que a incorporación no Listado Lesrpe resulta preciso para proporcionar un mellor marco normativo que protexa a especie, pois a actual xestión que dela se fai en Galiza para nada é exemplar e, pola contra, ofrece dous balances moi negativos:

1. A mortalidade elevadísima por prácticas furtivas. Existen comportamentos alarmantes que quedan nunha impunidade total por quen comete este delito (caza ilegal en esperas específicas, caza ilegal durante batidas de xabaril e raposo, lazos, velenos). Dende Adega estiman que anualmente se matan entre 200 e 300 exemplares pola caza furtiva, tantos como virían nacendo.

2. Pouca atención e insuficientes recursos para as explotacións gandeiras que sofren ataques de lobo. "Eis aquí onde radica a verdadeira polémica xerada ao redor do lobo. O problema non é o lobo en si mesmo, pois este forma parte do noso patrimonio natural e é un legado que debemos preservar nas mellores condicións. No fondo da cuestión radica a ausencia dunha Administración que esquiva a súa responsabilidade de proporcionar instrumentos e medidas suficientes e efectivas nesta materia. Esta debería ser a principal esixencia daqueles que rexeitan tan enerxicamente que o lobo deixe de ser especie cazábel".

Engaden que o investimento destinado pola Xunta para a indemnizacións de danos por ataques de lobo desde o ano 2004 ata o día de hoxe "ilustra claramente o cativo esforzo que fai a Administración autonómica para proporcionar solucións efectivas e atender as necesidades das explotacións gandeiras expostas a esta problemática".

0.18398022651672