A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes acusa á Xunta de non apoiar aos gandeiros fronte ao lobo
A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes afirma que a falta de apoio ás medidas preventivas provoca que os gandeiros soliciten batidas que non teñen efecto sobre os ataques do lobo.
No último ano a situación do lobo en Galicia estase tornando insostible. Por unha banda os propios datos da Consellería de Medio Ambiente confirman un ascenso brutal dos danos á gandería. Do 2015 ao 2017 duplicáronse o número de animais mortos polo lobo. Este aumento non se ten traducido en medidas por parte da Xunta de Galicia: a Consellería do Medio Rural ponse de perfil e esquiva toda responsabilidade e a Consellería do Medio Ambiente segue sen afrontar o problema e por solucións sobre a mesa.
Neste contexto hai que volver reler o Plan de Xestión do Lobo que é a ferramenta que dispoñemos para traballar e o marco lexislativo que dispoñemos. De todas as medidas que alí se describen na actualidade estanse a realizar unicamente os pagos por danos, aínda lonxe de estar ao día xa que co aumento dos ataques o orzamento previsto quédase curto, e nos anos 16 e 17 as axudas ás medidas preventivas. Nesta liña de axudas participamos dende o principio intentando transmitir á Consellería, dende a SGPF e como membros de O-Xan, cales eran as mellores opcións para proporcionar ferramentas eficaces para a prevención dos ataques. A realidade é que estas dúas convocatorias sacáronse sen planificación algunha, sen avisar ao sector e cuns prazos de xustificación ridículos (a do 2017 tivo 6 días hábiles para xustificar todos os investimentos no medio da ponte da Constitución). Para este ano 2018, coa alza dos ataques e a falta de planificación da Consellería os gandeiros seguimos sen saber se vamos poder optar a estas axudas ou non.
Seguindo co Plan de Xestión, nel establécense toda unha serie de medidas de acompañamento, asesoramento e divulgación tanto do lobo como especie como das medidas que se deben tomar para unha correcta convivencia. Unha vez máis a Xunta de Galicia deixa absolutamente desamparados ao sector gandeiro que, como é lóxico, brama por respostas e atención xa que o que está protexido por lei é o lobo e non a gandería.
Non é de estrañar que neste contexto se soliciten batidas, como a de Vilalba na pasada semana, estas débense entender como unha medida desesperada, unha chamada de auxilio dos gandeiros xa que non teñen outra maneira de reaccionar. A presenza do lobo no 94% do territorio galego fai que non poidamos falar de “casos illados” ou de “zonas conflitivas”. TODO O TERRITORIO GALEGO debe de dispoñer dun plan de traballo axeitado, sen deixar de lado o traballo das asociacións gandeiras que, coma a SGPF, apostan pola divulgación de coñecementos e a posta en práctica dos métodos efectivos de prevención de ataques do lobo.
Pero de pouco serve xuntar esforzos e vontades, dirixirse a todos os grupos parlamentarios con xuntanzas no Parlamento de Galicia, tal como fixemos no mes de xuño, ou mesmo coa Directora Xeral o ano pasado, se non se poñen sobre a mesa as actuacións necesarias.
Dende a SGPF estaremos sempre abertos ao diálogo, pero na actual situación compre tomar cartas no asunto urxentemente, polo ben da gandería, do lobo e do rural galego."