A subdelegada recibe no centro penitenciario de Bonxe unhas meninas elaboradas polos internos

LugoXa | TerraChaXa
No acto, unha interna recitou poesía e outro participou cantando unha canción con acompañamento de guitarra
menina-subdelegacion-de-goberno
6 Nov 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presidiu na biblioteca do Centro Penitenciario de Bonxe, un acto celebrado co impulso da Subdelegación do Goberno en Galicia e o Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade. Nel, os internos fixeron entrega de tres meninas conmemorativas da celebración.

Alí, a subdelegada agradeceu a implicación, o traballo e a paciencia das persoas que elaboraron as pezas: “A peza de cerámica que vós elaborastes, comezou sendo algo moi sinxelo: un anaco de barro que, pouco a pouco, foi collendo forma. É un traballo que require paciencia, atención e tempo. E tamén require aprender, probar e, cando é necesario, volver empezar”, matizou.

No acto, unha interna recitou poesía e outro participou cantando unha canción con acompañamento de guitarra. En total, asistiron ao encontro unha vintena de internos.

López quixo destacar a importancia das actividades culturais e dos obradoiros e as formacións que se levan a cabo no centro: “En Bonxe, o traballo coa cerámica e con outros oficios permite adquirir coñecementos, desenvolver habilidades e descubrir capacidades que poden ser útiles para empezar a darlle forma a un futuro diferente”.

Para rematar, a subdelegada agradeceu tamén “o labor dos profesionais que acompañades os internos nestas actividades”, que permiten promover actividades como esta, encamiñada a promover a participación activa dos internos do centro penal na sensibilización da sociedade ao respecto dos valores democráticos.

0.15449190139771