A SuperCup Kids 2026 reunirá ás promesas do BTT galego nas Penas de Rodas

A Área Recreativa das Penas de Rodas, en Outeiro de Rei, converterase este domingo 9 de agosto no escenario da SuperCup Kids 2026, unha das probas de referencia do ciclismo de montaña de base en Galicia. A competición forma parte do calendario autonómico e reunirá a decenas de novos corredores e corredoras de diferentes puntos da comunidade.
Organizada polo Team Bike Outeiro de Rei, coa colaboración do Concello, a xornada comezará ás 8.00 horas coa apertura de accesos, á que seguirán os adestramentos oficiais e a reunión técnica previa ao inicio das carreiras. A primeira saída está prevista para as 10.00 horas, coa categoría benxamín feminina, e ao longo da mañá disputaranse de maneira consecutiva o resto das probas.
A competición contará coa participación de deportistas das categorías Promesas, Benxamín, Principiantes, Alevín e Infantil, convertendo a cita nun escaparate para o ciclismo base galego e nunha oportunidade para que as novas xeracións adquiran experiencia competitiva.
O circuíto das Penas de Rodas, un dos espazos naturais máis emblemáticos do municipio, volverá ser o escenario desta competición, que cada ano reúne a familias, clubs e afeccionados ao BTT arredor dunha xornada na que o deporte e a natureza comparten protagonismo.
Ademais do seu carácter deportivo, a SuperCup Kids contribúe a dinamizar o municipio coa chegada de participantes e acompañantes de distintos puntos de Galicia, consolidando a Outeiro de Rei como unha das sedes habituais das competicións de ciclismo base.