A Tasca do Liño de Insua celebrará o 31 de outubro a súa XVIII edición con Rubén Riós como pregoeiro

TerraChaXa
A presente edición contará ademais cun novo patrocinio especialmente significativo para a organización: o da Fundación Adolfo Domínguez
Tasca-do-Liño-Vilalba-25
6 Oct 2026

A parroquia vilalbesa de San Bartolomeu de Insua prepara xa a XVIII edición da Tasca do Liño, unha cita que se celebrará o vindeiro sábado 31 de outubro e que volverá poñer no centro da actividade cultural e social da parroquia a tradición vinculada ao liño e á artesanía galega.

A Asociación de Mulleres de Insua, responsable da organización, está a avanzar nos preparativos dunha nova edición deste evento, que contará nesta ocasión co actor, director, escritor e activista cultural Rubén Riós como pregoeiro. A súa participación será un dos principais atractivos dunha xornada que busca combinar tradición, cultura e dinamización do rural.

A organización deu a coñecer tamén as entidades e institucións que colaborarán como patrocinadoras nesta XVIII edición. Entre elas atópanse a Deputación de Lugo, a través das áreas de Turismo e Cultura, o Concello de Vilalba, a Fundación Artesanía de Galicia e Feiraco.

A presente edición contará ademais cun novo patrocinio especialmente significativo para a organización: o da Fundación Adolfo Domínguez. A colaboración ten unha especial relevancia pola coincidencia de intereses arredor da promoción e recuperación do liño, xa que a entidade participa tamén no proxecto da Iniciativa Galega polo Liño, no que coinciden coa Asociación de Mulleres de Insua.

A Tasca do Liño mantén así a súa aposta por poñer en valor unha tradición estreitamente ligada ao patrimonio rural galego e pola recuperación dos coñecementos e prácticas asociados ao cultivo, tratamento e aproveitamento do liño. A iniciativa pretende contribuír á difusión desta cultura e favorecer a participación da veciñanza e doutras persoas interesadas nesta tradición.

Nos próximos días está previsto que a organización presente o cartel oficial da XVIII edición, polo que se irán coñecendo máis detalles sobre a programación prevista para a xornada do 31 de outubro en San Bartolomeu de Insua. A Asociación de Mulleres de Insua confía en volver reunir nesta cita a veciñanza e visitantes arredor dunha celebración que ano tras ano reivindica a identidade e o patrimonio cultural da parroquia vilalbesa.

0.14473581314087