A Tasca do Liño de Insua cumpre 15 anos baixo a choiva

TerraChaXa
Este sábado celebrouse unha nova edición da Tasca do Liño, a XV, no Campo da Festa de San Bartolomé de Insua, en Vilalba.
tasca do lino insua7
29 Out 2023

Este sábado celebrouse unha nova edición da Tasca do Liño, a XV, no Campo da Festa de San Bartolomé de Insua, en Vilalba. No acto inaugural participaron a alcaldesa da capital chairega, Marta Rouco; a deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira; a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua, Lourdes Otero Mato, e a secretaria da entidade, Miriam Fernández Otero.

O escritor Mario Outeiro foi o encargado de pregoar a cita, que incluíu obradoiros de artesanía, actuacións musicais e demostracións da Tasca de Liño. A xornada rematou co conxuro da Queimada a cargo de Manuel Ferreiro.

Morandeira felicitou ao colectivo vilalbés polo traballo nesta cita, que cumpre 15 anos como un referente na provincia de Lugo e que constitúe “un encontro coa tradición e coa historia, que busca recuperar o pasado como elemento para seguir impulsando o desenvolvemento do noso rural, algo esencial na provincia de Lugo, na que o rural ocupa gran parte do territorio”.

Unha cita que, en palabras da Deputada, “demostra que o noso rural é rico porque, dunha herba como é o liño, pódese sacar un fío para vestir as casas e ás familias. Unha tradición que se facía cando remataba o traballo no campo e que co frío do inverno se dedicaban a fiar, un acto tamén social, coma este”.

A Tasca do Liño de Insua revive e divulga a historia téxtil da Terra Chá e dignifica este oficio grazas a o traballo de recuperación que desenvolve o colectivo organizador, un obxectivo, destacou Marisol Morandeira, “que compartimos na Deputación de Lugo, onde traballamos por poñer en valor as nosas tradicións e a nosa cultura, como ferramenta para avanzar cara un mellor futuro.”

Nese sentido, incidiu en que a Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua contará co apoio da Deputación de Lugo porque esta xornada “serve para facer comunidade, para coidar todo o noso legado cultural e, ademais, contribúe á promoción do rural”.

MARTA ROUCO

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, que estivo acompañada dos concelleiros Eduardo Vidal, Luis Fernández, Paula Vigo e Ignacio Criado, que “o voso esforzo é fundamental para recuperar e poñer en valor as nosas tradicións e o noso legado cultural, un factor moi importante para impulsar o desenvolvemento do noso rural; falamos ademais dun oficio tradicional feito por mulleres e temos que apostar por deixar fóra do esquecemento os traballos que viñan facendo as mulleres, polo que é un privilexio para Vilalba ter esta asociación e que organice esta xornada”, engadiu a alcaldesa.

Rouco apuntou que “a Tasca do Liño de San Bartolomeu de Insua divulga e revive a historia textil da Chaira e, ao mesmo tempo, supón unha aposta por proxectar no futuro este oficio grazas ao labor de recuperación que desenvolven as mulleres da asociación”.

“Como alcaldesa de Vilalba, e falo en representación de todo o concello, é un pracer e unha obriga colaborar con citas como a de hoxe, que son ademais un lugar de encontro, un acontecemento social, unha festa e un símbolo da parroquia de Insua”, rematou a alcaldesa.

BNG

O Bloque Nacionalista Galego en Vilalba participou tamén neste tradicional evento do outono vilalbés. Asistiu a deputada do BNG por Lugo no Parlamento galego, Carme Aira o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, o concelleiro do BNG en Vilalba Tino Alvite xunto con militantes e simpatizantes da organización.

Carme Aira felicitou ás mulleres que organizan este evento “a Tasca do Liño pon en valor a nosa tradición, esa riqueza de noso patrimonio inmaterial e material que perdura no tempo, e tamén pon en valor o papel da muller do rural do pasado mais tamén do presente”

Así mesmo, a Tino Alvite destacou a importancia da celebración deste evento “este tipo de feira visualiza o que tamén é Vilalba, a súa parte rural tan necessaria para pór en valor a nosa paisaxe cos nosos vellos oficios, convertendo así un elemento do turismo e da economía local en fundamental”.

0.20763802528381