A Tasca do Liño recupera o día 30 parte da programación habitual

TerraChaXa
A Tasca do Liño recupera este ano, o día 30, o seu esplendor trala celebración somera realizada o ano pasado por mor da covid-19.
CARTEL TASCA 2021 lino insua
15 Out 2021

A Tasca do Liño recupera este ano o seu esplendor trala celebración somera realizada o ano pasado por mor da covid-19. Aínda que haberá restricións sanitarias, volven moitas das celebracións tradicionais arredor do cultivo do liño que teñen lugar en Insua e que este ano coinciden o 30 de outubro e organizadas, coma sempre, pola Asociación de Mulleres Rurais San Bartolomé de Insua.

Ese sábado, o programa abrirá co pregón da escritora dos Vilares Pastora Veres, ao que seguirá unha mesa redonda do título Emprendemento e mocidade no rural. Participarán como ponentes Miriam Fernández Otero (historiadora e tecelá), Cristina F. Caruncho (ilustrador) e Pilar Castro García (do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo).

Antes da demostración do liño, que terá lugar ás 13.00 horas, farase entrega dos premios dos certames de debuxo e poesía. Finalizará a xornada matinal coa actuación do grupo musical Xaora Trad.

Pola tarde, a partir das 16.30 horas, haberá monicreques do grupo Alakrán, que porán en escea Barriga Verde.

Tras unha nova demostración da Tasca do Liño, ás 18.00 horas, terá lugar a actuación musical de Luis e Caruncho.

Como vén sendo tradicional, durante a xornada haberá unha exposición de traxes de época do Centro de Artesanía e Deseño de Lugo; así como postos artesáns e varias mostras de artesanía en vivo.

Como complemento, entre as 16.30 e as 18.00. horas haberá sinatura de libros a cargo de Pastora Veres (Lareira de soños) e Miriam Fernández (As mulleres de Insua e o liño).

0.19339489936829