A Tasca do Liño reúne centos de persoas en Insua na súa XVIII edición

TerraChaXa
Rubén Riós foi o encargado de pronunciar o pregón dunha celebración que reivindica o legado do liño, os oficios tradicionais e o papel das mulleres rurais
Tasca-do-Liño-Vilalba-26
31 Oct 2026

A parroquia de San Bartolomeu de Insua, en Vilalba, celebrou este sábado a XVIII edición da Tasca do Liño, unha xornada festiva que reuniu centos de persoas arredor da recuperación e divulgación dunha tradición artesanal vencellada á historia da localidade.

O actor Rubén Riós foi o encargado de pronunciar o pregón, no que destacou a capacidade do rural para crear futuro e reivindicou o papel do asociacionismo e das mulleres galegas na conservación dos fogares, os oficios e as tradicións.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, puxo en valor o traballo da Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Ínsua na recuperación deste legado cultural, que definiu como un patrimonio da parroquia, do municipio e de Galicia. Na inauguración tamén participaron a concelleira de Cultura, Mónica González, que reclamou apoio institucional para as tradicións populares, e o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, que destacou a importancia de visibilizar o labor desenvolvido polas mulleres durante décadas.

A actriz Benedicta Sánchez asistiu tamén á celebración e mostrou a súa satisfacción polo prestixio que acadaron o liño e os traballos vinculados á artesanía. A programación incluíu obradoiros, demostracións, música, degustacións do cacho, xantar popular e queimada. Esta edición contou ademais co apoio da Fundación Adolfo Domínguez.

0.1641571521759