A terceira Nocturna San Ramón superaba os 700 participantes
A terceira edición da Carreira Andaina Nocturna San Ramón 2017 que organiza o Club de Atletismo Vilalba coa colaboración da Deputación Provincial, o Concello de Vilalba e a Comisión de Festas de San Ramón e Santa María 2017 lograba superar os 700 participantes. Foron 157 os participantes na proba absoluta –tanto masculina como feminina- que visitaban lugares destacados da vila -a rúa Nova, praza San Juan, Santa María, Porta de Cima, etc- nun circuíto de 5,9 quilómetros que o gañador, Esteban Iglesia Vila, remataba en 19 minutos e 59 segundos. O pastoricense repite vitoria nesta proba que tamén lograba reunir a preto de 200 corredores nas categorías menores e 367 persoas nunha andaina nocturna de 2,5 quilómetros.
O podio masculino completábase con Antonio Amilcar Perea na segunda posición e Rubén Vázquez na terceira. María Hurtado foi a máis rápida na categoría absoluta feminina por diante da local Zelin Spencer Conceiçao e Laura Núñez.
Este ano, entre as novidades –o inicio das probas media hora antes das anteriores edicións ou a participación da asociación Os Peludiños que pechaban a andaina con 14 cans en adopción- atopábase a creación dunha categoría local que recoñecía a Antonio Souto, Brais Sánchez, Matías García-Anllo e Pedro Gómez coma os máis rápidos entre os vilalbeses e a Zelin Spencer, María del Pilar Pavón, María Souto e Azucena Díaz entre as vilalbesas participantes.
Trala entrega dos trofeos deseñados polos usuarios e usuarias do Centro Ocupacional de Vilalba, a noite remataba cunha churrascada gratuíta para os e as participantes con animación musical.