A Torre de Miraz en Friol
O Concello de Friol, localidade prolífica en canto a elementos patrimoniais, posúe unha das fortalezas máis representativas da provincia de Lugo e da nosa comunidade, a Fortaleza de San Paio de Narla, máis non é o único exemplo deste tipo de arquitectura de carácter defensivo que existe neste fermoso territorio, pertencente á Reserva da Biosfera “Terras do Miño”e polo que tamén discorre o camiño norte se Santiago.
Na parroquia de Miráz, freguesía situada ó noroeste da extensión que abarca a municipalidade, atópase a “Torre de Miraz”, vestixio ben conservado do que foi unha antiga fortaleza que sufriu diferentes reformas ó longo do tempo dende a súa fundación por parte de de D.Rodrigo Alonso de Saavedra, alá polo século XIV, nun dos solares propiedade do liñaxe dos Saavedra. No século XV a fortaleza e o próspero Couto de Miráz cambiaría de titularidade, pasando a mans de D. Diego de Andrade, e, á súa morte, sumaríase ás propiedades de Constanza de Castro . No 1507 a fortaleza e o señorío serían devoltos ós Saavedra en favor de D.Alonso López de Saavedra, mantendose nesta familia (edificación) ata a actualidade.
A torre é de planta cadrada, cunhas medidas de 9x9 m de ancho por 12 m. de alto, construída en bloques regulares de granito. Conta con dúas plantas de altura, cada unha cunha ventá cadrada de arco rebaixado, cun corpo superior decorado con ameas e presenza de de seis gárgolas, tres delas zoomorfas (forma de animais). Na cara sur superior atopamos o escudo de armas, composto por catro cuarteis cos símbolos dos Ribadeneira (cruz floreteada), os Ulloa (escaques), os Taboada (barras verticais) e os Saavedra (tres faixas xadrezadas).
Pegada á Torre, formando parte dun mesmo conxunto con planta en L, atópase un pazo, costrución que se realizou s.XVIII e que orixinou a unión de pazo-torre que hoxe contemplamos, a día de hoxe en uso como vivenda familiar de carácter privado complementada con outras construcións anexas (antigas cuadras e alpendres). O conxunto está rodeado por un muro de cantería granítica ó que se accede a través dun portalón alintelado con restos de decoración (pináculos e bolas), o cal nos conduce a un patio interior axardinado. Do mesmo xeito que a torre, o pazo está feito en base a bloques de granito, empregando, nese caso, a cachotería naquelas zonas que foi reformado en épocas posteriores. Consta ademais dous pisos e cuberta de lousa a dúas augas. O seu aspecto é bastante austero tendo en conta a tipoloxía e o ornato xeral dos pazos galegos de tempos do Barroco.
Á planta baixa accedese por unha porta de medio punto doelada, e estaba adicada ó servizo, mentres que á segunda planta ou planta nobre se accede por unha robusta escaleira de dous tramos que conecta coa porta de acceso, de arco de medio punto, e a solaina. A solaina é o elemento máis significativo da fachada, sustentada sobre seis molduras de pedra de grandes dimensións, con peche de paneis de pedra macizos e dividida en cinco tramos por cinco columnas monolíticas con capiteis curvos.
Aínda que as sinxeleza das súas liñas marcan as características arquitectónicas deste conxunto, estamos ante un exemplo importante de pazo que exemplifica a continuidade e utilidade das construccións fidalgas ó longo do tempo, conservada ata a actualidade pola familia que lle deu orixe, unha das liñaxes máis importantes e antigas de Galicia . O compromiso da familia por manter este monumento e parte da historia de Friol é máis que evidente, ó contrario que ocorre coa Torre de Friol, outra importante fortaleza deste concello que agarda durante anos unha man que a saque do estado ruinoso e que a afaste de converterse en parte dos monumentos desaparecidos da localidade.