A Unidade de Atención Temperá da comarca celebrou en Friol a súa V Xuntanza

A Praza Andón Cebreiro de Friol acolleu este xoves a V Xuntanza da Unidade de Atención Temperá, unha cita de convivencia que reuniu a nenos e nenas, familias e profesionais nunha xornada marcada pola participación e o ambiente festivo.
A pesar da choiva e da tormenta, os asistentes puideron desfrutar dunha tarde chea de actividades, entre as que non faltaron os inchables, a maquillaxe facial, as pompas de xabón, as colchonetas e unha merenda compartida. Durante o encontro tamén se realizou a entrega de diplomas aos participantes.
Desde o Concello de Friol destacaron a importancia deste servizo para o desenvolvemento e o benestar da infancia, ao tempo que agradeceron a implicación das familias e dos profesionais que traballan diariamente na Unidade de Atención Temperá.
O alcalde de Friol, José Ángel Santos, puxo en valor o labor das profesionais que integran este servizo, destacando "o seu compromiso, dedicación e atención próxima ás familia". Segundo sinalou, o traballo desenvolvido permitiu que a Unidade de Atención Temperá de Friol "sexa considerada pola Consellería de Política Social como unha das mellores de Galicia, un recoñecemento que avala a calidade da atención prestada aos nenos e nenas da comarca".
No acto tamén se recoñeceu a colaboración dos concellos que forman parte desta unidade supramunicipal: Begonte, Rábade, Guntín, Palas de Rei e Friol, "unha alianza que permite ofrecer unha atención especializada e de proximidade ás familias do rural".
Así mesmo, expresouse o agradecemento á Xunta de Galicia polo apoio e financiamento dun servizo considerado fundamental para favorecer o desenvolvemento, a inclusión e a igualdade de oportunidades desde os primeiros anos de vida.
A xuntanza contou coa asistencia do alcalde de Friol, José Ángel Santos; do alcalde de Begonte, José Ulla; da concelleira de Palas de Rei, Alba Villasante; da concelleira de Friol, María Ángeles Buján; ademais de numerosas familias que participaron nesta celebración, convertida xa nun referente anual para a comunidade educativa e social da comarca.