A Universidade Sénior realizará nas Pontes formación sobre o Camiño
O Concello das Pontes acolle, por terceiro ano, unha nova edición do programa Democratización do Coñecemento, da Universidade Sénior, nesta ocasión baixo o título Coñecendo o Camiño coa Universidade Sénior.
Tania Pardo, responsable da área de educación do Concello das Pontes subliña a importancia desta nova acción formativa da Universidade Sénior no municipio “que despois dun ano complicado por mor da pandemia, permítenos, de novo, favorecer o envellecemento activo e facendo posible que o coñecemento vaia máis aló das tradicionais aulas das universidades, achegando á veciñanza, con inquedanzas por aprender e que non tivo a oportunidade de formarse na Universidade, unha ferramenta de crecemento formativo, cultural e social de incalculable valor”
Nesta ocasión o programa xirará entorno ao Camiño de Santiago e consta de tres palestras, impartidas polo profesorado da Universidade da Coruña, no Auditorio Municipal Cine Alovi, de 17:00 a 19:00 horas, e comezarán o día 28 de abril coa participación do profesor Álvaro J. Iglesias Macerias que falará sobre a figura de Santiago Apóstolo. O 5 de maio, Xoán López Viñas abordará a influencia provenzal na lingua e literatura a través do Camiño de Santiago e finalmente, o 12 de maio, José Manuel Álvarez-Campana Gallo falará sobre a paisaxe, pontes e fontes do Camiño.
As persoas interesadas en participar, nesta actividade de balde, poden inscribirse desde o 12 ata o 22 de abril, de forma online a través do espazo web https://udcsenioraspontes.wordpress.com/ ou presencialmente no IPPEC, en horario de 09:30 a 14:00 horas.