A Universidade Sénior realizará nas Pontes formación sobre o Camiño

TerraChaXa
O Concello das Pontes acolle, por terceiro ano, unha nova edición do programa Democratización do Coñecemento, da Universidade Sénior.
presentacion universidade senior as pontes
presentacion universidade senior as pontes
10 Abr 2021

O Concello das Pontes acolle, por terceiro ano, unha nova edición do programa Democratización do Coñecemento, da Universidade Sénior, nesta ocasión baixo o título Coñecendo o Camiño coa Universidade Sénior.

Tania Pardo, responsable da área de educación do Concello das Pontes subliña a importancia desta nova acción formativa da Universidade Sénior no municipio “que despois dun ano complicado por mor da pandemia,  permítenos, de novo, favorecer o envellecemento activo e facendo posible que o coñecemento vaia máis aló das tradicionais aulas das universidades, achegando á veciñanza, con inquedanzas por aprender e que non tivo a oportunidade de formarse na Universidade, unha ferramenta de crecemento formativo, cultural e social de incalculable valor”

Nesta ocasión o programa xirará entorno ao Camiño de Santiago e consta de tres palestras, impartidas polo profesorado da Universidade da Coruña, no Auditorio Municipal Cine Alovi, de 17:00 a 19:00 horas, e comezarán o día 28 de abril coa participación do profesor Álvaro J. Iglesias Macerias que falará sobre a figura de Santiago Apóstolo. O 5 de maio, Xoán López Viñas abordará a influencia provenzal na lingua e literatura a través do Camiño de Santiago e finalmente, o 12 de maio,  José Manuel Álvarez-Campana Gallo falará sobre a paisaxe, pontes e fontes do Camiño.

As persoas interesadas en participar, nesta actividade de balde, poden inscribirse desde o 12 ata o 22 de abril, de forma online a través do espazo web https://udcsenioraspontes.wordpress.com/  ou presencialmente no IPPEC, en horario de 09:30 a 14:00 horas.

0.18588399887085