A vaga de calor leva a Abadín a pedir un consumo responsable da auga para garantir o abastecemento

TerraChaXa
O Concello chama á colaboración da veciñanza tras o aviso da Confederación Hidrográfica Miño-Sil pola escaseza de precipitacións e a situación de prealerta por seca
auga-mangueira-rego
7 Aug 2026

O Concello de Abadín fixo un chamamento á veciñanza para realizar un uso responsable da auga ante o aumento do consumo provocado pola vaga de calor e a situación de prealerta por seca declarada en varias concas hidrográficas de Galicia.

A petición chega despois de recibir unha comunicación da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, na que se alerta de que as precipitacións continúan moi por debaixo do habitual. Segundo o organismo, durante o pasado mes de xullo apenas se rexistraron 9 litros por metro cadrado de choiva e, entre marzo e xullo, acumuláronse 180 litros por metro cadrado, un 50% menos do valor habitual para ese período.

Ademais, os caudais dos ríos situábanse a finais de xullo arredor dun 45% por baixo dos niveis normais, unha situación que levou á Oficina Técnica da Seca a declarar o escenario de prealerta (nivel amarelo) en varias zonas da demarcación hidrográfica.

Ante este escenario, o Concello solicita a colaboración cidadá para reducir os consumos innecesarios e preservar as reservas de auga potable. Entre as principais recomendacións figura evitar o enchido ou recheo de piscinas, non utilizar auga potable para lavar vehículos, fachadas, patios ou beirarrúas, así como suspender o rego de xardíns.

Así mesmo, a administración local anima á veciñanza a revisar as instalacións para detectar posibles fugas, reducir o tempo das duchas e utilizar lavadoras e lavalouzas unicamente cando estean a carga completa.

O Concello lembra que estas medidas buscan garantir o abastecemento de auga para toda a poboación durante este período de altas temperaturas e insiste en que o uso doméstico é prioritario. "Coidar da auga é responsabilidade de todos. Cada xesto conta", conclúe a campaña municipal.

0.12400007247925