A VI Ruta Castrexa de Mototurismo percorrerá 12 concellos lucenses o 13 de xuño

A Xunta de Galicia apoia a sexta edición da Ruta Castrexa de Mototurismo organizada pola Asociación Motorista Lucense, que se celebrará o 13 de xuño e discorrerá por 12 concellos da provincia de Lugo.
Na antesala do Xacobeo 2027, a ruta concede este ano un protagonismo especial aos municipios atravesados polos Camiños Francés, Norte e Primitivo, que representan a maior parte do percorrido proposto.
En total, a ruta suma arredor de 450 quilómetros e atravesa os concellos de Lugo, Abadín, Trabada, Ribadeo, A Ribeira de Piquín, A Pastoriza, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, Sarria e Portomarín.
Os detalles da xornada déronse a coñecer nun acto celebrado na Delegación Territorial de Lugo, no que participaron o delegado territorial, Javier Arias, o presidente da entidade promotora, José Aurelio Novoa, e o presidente da Federación Galega de Motociclismo, José Canda, entre outros asistentes.
Javier Arias destacou o valor desta iniciativa, integrada no Campionato Galego de Mototurismo, subliñando que “suma deporte e cultura, contribuíndo á difusión do patrimonio natural e monumental da provincia”.
Ao tratarse dunha actividade non competitiva, cada participante poderá elixir o itinerario concreto polas estradas que mellor lle conveñan.
Establécense ao redor dunha vintena de puntos de control e o percorrido está calculado para unha velocidade media de 50 quilómetros por hora.
A saída terá lugar na praza da Mosqueira ás 10:00 horas e a chegada ao Pazo de Feiras e Congresos está prevista ata as 20:00 horas.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través da páxina web do evento.