A Vicepresidencia da Deputación publica a axenda do deporte lugués en feminino

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
18 deportistas da provincia protagonizan a publicación editada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que se distribuirá en actividades deportivas organizadas e promovidas pola institución
presentacion-axenda-deporte-en-feminino
7 Jul 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo presentou no Pazo de San Marcos a publicación Deporte lugués en feminino, unha axenda que rende homenaxe a 18 deportistas da provincia con destacadas traxectorias en diferentes disciplinas e que busca reforzar a visibilidade do deporte feminino e a creación de referentes para as novas xeracións.

Durante o acto de presentación, o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, puxo en valor o papel das protagonistas da publicación e destacou a importancia do seu exemplo para as máis novas. “Sodes referentes para as que veñen detrás”, afirmou, incidindo na necesidade de continuar avanzando cara a unha igualdade efectiva no ámbito deportivo.

A publicación recolle fotografías realizadas por Reyes Fernández Guizán e textos da xornalista Belén Rodríguez Arias arredor das traxectorias da karateka Uxía Folgueira, a xogadora de baloncesto Noa López, a taekwondista Laura Álvarez, as nadadoras Inés e Sofía Mourenza, a futbolista Carmen Carballada, a atleta Adi Iglesias, a xogadora de squash Olivia Mon, a triatleta Elsa Pena, as xogadoras de voleibol Clara Carreira e Olalla González, a piraguista Tania Fernández, a piloto Elena López, a ximnasta Alisa Urdaneta e as xogadoras de fútbol sala Sandra Pumares, Silvia Rubal, Verónica García e Area Loureiro.

A presentación foi conducida pola xornalista e directora do portal especializado en deporte feminino As Nosas, Silvia Carregal, e contou coa presenza da maioría das deportistas participantes. Durante o encontro, as protagonistas compartiron experiencias persoais e reflexións sobre as súas carreiras deportivas, abordando cuestións como a profesionalización do deporte feminino, a necesidade de mellorar os recursos dispoñibles para os adestramentos e competicións e a importancia de incrementar a presenza das mulleres nos medios de comunicación.

Efrén Castro lembrou que a participación feminina continúa medrando na maioría das modalidades deportivas e destacou a relevancia de Lugo no panorama deportivo estatal grazas ao traballo desenvolvido por equipos femininos como Emevé, Ensino, Burela FS ou Castro FSF. Con todo, advertiu de que aínda existen desigualdades que cómpre corrixir para alcanzar unha verdadeira igualdade de oportunidades no deporte.

A axenda conta cun calendario interanual que abrangue de xullo de 2026 a xullo de 2027, coincidindo en parte co desenvolvemento das tempadas deportivas. A publicación distribuirase nas actividades deportivas organizadas ou promovidas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo ao longo dos próximos meses, co obxectivo de seguir dando visibilidade ás deportistas da provincia e contribuír á creación de novos referentes femininos no deporte.

0.10644102096558