A vila e o Castelo de Vilalba
Por Miriam Fernández
A historia de Vilalba, capital da Terra Chá, está evidenciada polas numerosas testemuñas patrimoniais dende tempos remotos espalladas polas súas trinta parroquias, elementos que conforman a súa identidade. Ademais o seu valor estratéxico en canto a emprazamento foi clave na súa historia, pois por ela pasaban e seguen a pasar importantes vías de comercio e comunicación coma o Camiño Real ata Betanzos e a Coruña, o camiño Norte de Santiago, etc, cuestións que impulsaron a fundación dun núcleo significativo e de referencia que se desenvolvería paulatinamente ata conformar a Vilalba que hoxe coñecemos.
Da orixe da vila de Vilalba temos constancia por primeira vez no século VI, nun Concilio celebrado en Lugo onde se menciona Undecimus comitatus Montenegrinus dicitur (O undécimo “comitatus” chamado de Montenegro), pequena cidade amurallada con castelo e igrexa baixo a protección desta familia nobre. A igrexa, co nome de Santa María de Montenegro, atopábase no lugar da actual e tiña un estilo dos primeiros tempos do románico, a cal sería o xerme do actual templo. Desgraciadamente no século VIII un incendio dará conta da vila arrasándoa por completo.
Ata o século XII non se volverán rexistrar noticias da vila e a fortaleza, mencionada por entón coma Vilarente, e crese que dende un século antes formaba parte do feudo de Fernán Ruíz de Castro, Señor de Lemos. En 1364, o rei Pedro I doará este señorío a Fernán Pérez de Andrade (alcumado O Boo), comezando a súa vinculación coa afamada casa fidalga. A Fernán sucederao seu irmán, Pedro Pérez de Andrade, e o fillo deste, Nuño Freyre de Andrade, contra o que se levantará a primeira Revolución Irmandiña en 1431, arrasando coa fortaleza. Rematada a revolta obrigará ós veciños a reconstruíla, máis a Segunda Revolta irmandiña de1467 destruiríaa de novo.
En 1486 Diego de Andrade foi nomeado Conde de Villalba polos Reis Católicos en agradecemento pola axuda na guerra de Granada, levantando unha nova fortaleza no lugar das outras. Das alianzas matrimoniais da familia no o século XVI, xurdeu a unión da casa de Lemos e Andrade, e, a finais do século XVIII (1785) pasaron a formar parte da casa de Alba.
No século XIX a fortaleza foi utilizada como canteira, esmorecendo pouco a pouco. En 1967, a maltreita e conservada torre foi recuperada para ser utilizada coma Parador Nacional de Turismo
Da fortaleza de tempos de Diego de Andrade conservamos a día de hoxe a torre da homenaxe, construción de planta octogonal realizada en mampostería de xisto e bloques de granito para as almeas, xambas das portas e ventás, estas de estrutura dobre ou simple máis anchas que altas. Está rematada por un matacán almeado sobre modillóns e nunha das súas caras ten unha pequena ladroeira (obra voladiza no alto de un muro ou unha torre), ámbolos dous creados para defenderse do inimigo. Do recinto cadrado con tres torreóns que a rodeaba só queda a porta-torre gótica e un anaco de muro da muralla exterior que posúe troneiras (ventás defensivas), o cal se pode ver no xardín actual. Conserva tamén varios relevos con blasóns e un xabarín, emblema dos Andrade, do cal conta a lenda que se un lle pega na barriga expulsa cachotes de ouro.
A torre de Vilalba atópase actualmente baixo a protección da Declaración xenérica do Decreto de 22 de abril de 1949, e a Lei 16/1985 sobre o Patrimonio Histórico Español.