A vilalbesa Julia Cabarcos fai historia coa súa participación no Mr. Olympia en Las Vegas

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Deportes, Paula Vigo, recibiron hoxe no Concello á deportista vilalbesa Julia Cabarcos, logo de converterse na primeira galega en lograr unha praza para o Mr. Olympia de Las Vegas, unha das citas de maior prestixio internacional do culturismo.
A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
A deportista chegaba a esta tempada cun total de catro oportunidades para conseguir a clasificación e logrou a praza na primeira das probas, un resultado que lle permitiu selar o seu billete para a gran cita internacional.
Durante a recepción, o Concello quixo trasladarlle a admiración e o apoio de toda Vilalba ante o reto que ten por diante, pero tamén aproveitar este momento para recoñecer a súa traxectoria deportiva e todos os logros acadados ao longo dos anos dedicados ao culturismo.
A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o orgullo que supón para Vilalba contar cunha deportista que está a levar o nome da vila a unha competición de referencia mundial.
“Hoxe queriamos recibir a Julia antes de que emprenda esta viaxe tan importante para ela, para transmitirlle todo o noso apoio e dicirlle que en Vilalba imos estar pendentes dela e acompañándoa neste reto. Chegar ao Mr. Olympia xa é un logro extraordinario e facelo ademais sendo a primeira galega en conseguir unha praza fala do enorme traballo que hai detrás”.
Rouco quixo poñer tamén o foco no camiño percorrido pola deportista e non só no resultado acadado nesta última competición.
“Queremos recoñecer a Julia polo que acaba de conseguir, pero tamén por toda a súa traxectoria, polas competicións nas que participou e por cada un dos pasos que foi dando durante todos estes anos. Detrás dun logro como este hai moitas horas de preparación, disciplina, sacrificio e constancia”.
A alcaldesa sinalou ademais que o culturismo continúa sendo unha disciplina cunha preparación física e mental moi esixente e na que a presenza feminina foi tradicionalmente menor.
“É moi importante poñer en valor que unha muller de Vilalba estea chegando a este nivel nun deporte que segue tendo unha importante presenza masculina. Julia é un exemplo de esforzo e de perseveranza e, sobre todo, dunha deportista que foi construíndo a súa propia traxectoria con moito traballo”.
Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Paula Vigo, puxo en valor o significado desta clasificación e o percorrido da deportista vilalbesa.
“Para nós é unha satisfacción poder recibir a Julia precisamente neste momento, cando está a piques de cumprir un dos grandes obxectivos da súa carreira deportiva. Conseguir unha praza para o Mr. Olympia é algo extraordinario e que o faga na primeira oportunidade das catro que tiña por diante dá aínda máis valor ao resultado”.
A concelleira quixo aproveitar a recepción para trasladarlle a Julia os mellores desexos de cara á súa participación en Las Vegas.
“Agora toca desfrutar desta oportunidade e afrontar o Mr. Olympia sabendo que detrás dela está tamén toda Vilalba. Queremos desexarlle toda a sorte do mundo e, sobre todo, que poida vivir esta experiencia da que estamos seguros que se vai sentir moi orgullosa”.
A recepción celebrada hoxe no Concello serviu así para acompañar a Julia Cabarcos antes da súa viaxe e recoñecer publicamente unha traxectoria deportiva que agora alcanza un dos seus grandes fitos coa participación no Mr. Olympia, onde competirá na categoría Women's Physique.