A voz dos alcaldes: “A residencia de maiores foi un dos logros máis importantes para o concello”

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.
Sempre tiven unha especial inquedanza pola política local, polo que decidín dar o paso e implicarme directamente. Comecei no ano 2007 encabezando unha lista independente, coa que tiven a oportunidade de asumir a alcaldía. Posteriormente incorporeime ao PSOE, formación na que continúo a día de hoxe, xa que me brindou o apoio necesario para seguir desenvolvendo proxectos e iniciativas importantes para Meira e para os seus veciños.
A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?
A dedicación á política municipal implica renunciar a moito tempo persoal e familiar, xa que é un labor que require dispoñibilidade constante. Ser alcalde non entende de horarios e obriga a estar sempre atento ás necesidades da veciñanza. Con todo, é unha responsabilidade que asumo con compromiso, porque considero que traballar polo ben común compensa eses esforzos.
E beneficios?
Sen dúbida, o maior beneficio é poder dedicarme a algo que realmente me gusta e me motiva. Traballar polos meiregos e meiregas, contribuír ao desenvolvemento do concello e ver como Meira medra e se converte nun lugar máis dinámico e con máis oportunidades é unha grande satisfacción persoal e profesional.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
O meu principal obxectivo é seguir exercendo como alcalde para continuar mellorando Meira. Iso pasa por dotar ao municipio de máis e mellores servizos, impulsar o seu desenvolvemento e garantir unha boa calidade de vida para todos os veciños e veciñas, apostando por un modelo de vila activa e con futuro.
Cales son as principais actuacións previstas?
Neste momento estamos a piques de asinar un convenio para a mellora da EDAR municipal, así como actuacións no polígono industrial, entre elas a separación de augas pluviais e a creación dun novo colector para a recollida de augas industriais con conexión directa á depuradora. Isto permitirá tamén completar a conexión do polígono de Xestur coa rede municipal. No ámbito do solo industrial, estamos en contacto con Xestur para ampliar a oferta existente e facilitar a implantación de novas empresas. Ademais, estamos a traballar en materia urbanística para favorecer a construción de vivenda, especialmente unifamiliar, dada a alta demanda existente no municipio.
De que proxectos se sente máis orgulloso?
Son varios os proxectos relevantes, pero destacaría especialmente a residencia para persoas maiores. Trátase dun servizo fundamental que permite que os nosos maiores estean ben atendidos as 24 horas nun entorno privilexiado como é o parque Profesor Río Barja, ao tempo que facilita a proximidade coas súas familias. É, sen dúbida, un dos logros máis importantes para o concello.
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Gustaríame que me percibisen como unha persoa próxima e dialogante, accesible para calquera veciño ou veciña que queira trasladar unha proposta, unha inquedanza ou unha necesidade. O meu compromiso é escoitar, analizar cada situación e traballar para ofrecer solucións reais.
Como é a súa relación coa oposición?
A relación cos grupos da oposición é, na miña opinión, correcta e cordial. Considero fundamental escoitar todas as voces, xa que a diversidade de opinións enriquece o debate político. Ao final, todos compartimos o mesmo obxectivo, que é mellorar o noso concello, e nese camiño cada achega é importante.
EN CLAVE PERSOAL
• Idade, estado civil e familiar
71 anos, casado, pai dunha filla e avó de dúas netas xemelgas
• Profesión e formación
Sempre fun comerciante, nun bazar que é legado familiar
• Que quería ser de maior?
Policía
• Que fai para desconectar?
Facer camiñatas rodeado de natureza
• Unha virtude e un defecto
A honestidade. Como defecto ser demasiado inquieto
• Un consello para compartir
Fai o ben cando poidas, incluso cando ninguén te vexa
• Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante
Encántanme as películas de western e como cantantes Rocío Dúrcal e Juan Pardo
• Unha afección
Compartir tempo de calidade coas miñas amizades
• Un lugar que visitar
A parroquia de Meira, en Moaña
• Unha comida e unha bebida
Un bo potaxe, xa que me encantan os pratos de culler, e un godello
• Unha posesión apreciada
A miña familia
• Un desexo
Máis paz e empatía neste mundo convulso, fai moita falta escoita e respecto
• Algo para esquecer
A impotencia vivida durante a pandemia
• Que é o que máis valora nunha persoa?
A integridade e a humildade
• Un desafío pendente.
Facer unha viaxe longa coa miña familia
• Onde se ve en cinco anos?
En Meira, desfrutando de máis tempo libre, a carón dos meus