A voz dos alcaldes: “Non podo facer todo o que me piden, pero si intento facelo sempre con criterio”

LugoXa | TerraChaXa
José Pardo Lombao, alcalde de Outeiro de Rei, é un dos máis lonxevos da provincia, con xa case 30 anos á fronte do consistorio cunha ampla maioría
jose-pardo-lombao-alcalde-outeiro-de-rei
1 Nov 2026

Explíquenos un pouco como se iniciou na política.

Eu sempre fun un progresista de centro-dereita e inicieime na política con 24 anos, cando me presentei nunha candidatura independente. Con 28 anos xa fun o concelleiro número seis da candidatura de Alianza Popular. Gañamos por maioría absoluta co alcalde nese momento, Antonio Varela Rodríguez. A partir de aí fun implicándome cada vez máis na vida municipal. Fun tesoureiro do Concello e tamén tenente de alcalde.

Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcalde?

Catorce anos despois, o alcalde deixou o cargo por cuestión de idade e asumín eu a Alcaldía. Na seguinte lexislatura presenteime como cabeza de lista e, desde entón, xa pasaron sete lexislaturas máis. En total, levo 29 anos na Alcaldía, 7 lexislaturas completas e 2 anos antes. Cando remate esta lexislatura, chegarei aos 30 anos.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno?

Os maiores sacrificios que fixen son coa miña familia. Levo 44 anos dedicado á política, aínda que con moitísima máis intensidade estas últimas tres décadas. Evidentemente, iso fai que a familia quede un pouco máis desatendida. Tamén a miña actividade económica, pero na vida non se pode atender todo coa mesma intensidade e depende das prioridades. No Concello sempre tratei de innovar e de impulsar o desenvolvemento e creo que os resultados están aí: a poboación medrou un 30 %.

E beneficios?

Os beneficios tamén son grandes. Para min, é unha satisfacción ver como o concello medrou. Chegou moita xente, desenvolveuse un parque empresarial e contamos con actividade económica, social e de todo tipo. Un exemplo moi claro é o colexio. Hai uns 12 ou 13 anos duplicou o número de aulas, pasando de nove a 18. Ademais, xa falamos de construír outras nove. É dicir, en 20 anos pódese chegar a multiplicar por tres o número de aulas dun colexio dun concello rural. Iso é unha auténtica barbaridade e demostra o crecemento que experimentou o municipio. Todo isto é posible grazas á xente que traballa aquí, que é moi dinámica. Desde o Concello intentamos axudar e non poñer trabas a quen queira facer algo, emprender ou a quen decida vir vivir aquí. Tamén procuramos facilitar todos os servizos.

Como equilibra a vida pública e a privada?

Ben, con moita dedicación e moito tempo. Iso implica sacrificar ás veces á miña familia. Agora que teño unha neta, gústame moito poder pasar tempo con ela. Tamén teño unha pequena actividade económica, pero ao Concello teño que dedicarlle todo o tempo que faga falta. Intento cumprir coa xente e axudala. Evidentemente, non podo facer todo o que me piden, pero si intento facelo sempre con criterio. Ademais, fago as mesmas cousas cando estamos preto das eleccións que cando estamos lonxe delas. Sempre hai máis necesidades que recursos. A xente pide aquilo que necesita, pero como non temos capacidade para facelo todo, temos que establecer prioridades. O que intentamos é proxectar un concello de calidade cara ao futuro e conseguir a maior rendibilidade social posible, para que a xente estea mellor.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

Son alcalde e a miña intención é seguir séndoo. Tamén son deputado, pero non teño ningún outro obxectivo. Paréceme que non hai nada máis bonito que ter a oportunidade de desenvolver o teu propio pobo. É certo que o partido pode decidir se te inclúe ou non na súa candidatura, pero ao final, se non tes os votos dos teus veciños, non podes ser alcalde. Nós sempre gobernamos con maioría absoluta e espero non ter que gobernar nunca sen gañar as eleccións.

E, se renova na Alcaldía, cales son as principais actuacións previstas?

Hai varios proxectos que xa están en marcha. Un deles é o colexio, ao que queremos seguir dando resposta en función das necesidades que vaian xurdindo. Tamén está en proxecto a construción dunha nova depuradora, que está a estudar a Xunta. Ademais, queremos ampliar a potabilizadora e tamén está previsto unificar o PAC co centro médico. Outro proxecto que estamos a piques de rematar é o segundo campo de fútbol de herba artificial. Tamén temos un proxecto moi importante coa concentración parcelaria das parroquias de Paz, Arcos, Sobrada e San Lorenzo, que xa se atopa nunha fase moi avanzada. Ademais, espero que se decreten tamén outra concentración en Taboi, Folgueira, Matela e Vilela. Tamén queremos continuar co programa de conciliación. E outro ámbito no que avanzamos moito é o das comunicacións. A principios desta lexislatura levouse a fibra óptica a todo o concello.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

Ao meu ver, o peor do Concello son as estradas da Deputación, que están completamente abandonadas. As vías que comunican varios concellos están cheas de fochancas e presentan un estado que non é normal. Non se pode discriminar á xente en función do partido político que goberne.

De que está máis orgulloso?

Como practicamente fomos facendo realidade a maior parte dos proxectos que nos fomos propoñendo desde que son alcalde, podería falar de moitas actuacións. Unha delas foi levar a rede de auga a todo o municipio hai máis de dez anos. Sentímonos especialmente orgullosos de contar cunha rede de estradas que chega a todas as vivendas e que se atopa en condicións aceptables, así como de dispoñer de enerxía eléctrica, iluminación pública e todos os servizos básicos. Tamén lle damos moita importancia á conciliación familiar, á educación e aos maiores. Temos un colexio con capacidade suficiente e agora mesmo estamos construíndo un centro de día. Ademais, contamos cunha residencia privada que ten arredor de 40 prazas concertadas. No ámbito deportivo tamén temos unha oferta moi ampla. E, por suposto, está o Parque Empresarial cunha localización inmellorable, unha capacidade moi grande para o asentamento de empresas e unha situación de impostos baixos.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?

Intento ser unha persoa próxima. Tanto cando estou no despacho como cando estou pola rúa, pode abordarme calquera persoa e procuro sempre atendela e escoitala. Ás veces tamén discuto coa xente, especialmente cando me piden cousas que considero que non se poden facer.

Como é a súa relación coa oposición?

Creo que podería ser mellor, pero as relacións son cousa de dous.


EN CLAVE PERSOAL

• Idade, estado civil e familiar
71, casado e dous fillos
• Profesión e formación
Gandeiro
• E se non o fose, que lle gustaría ser?
Gandeiro
• Que quería ser de maior
Piloto
• Que fai para desconectar?
Descansar e ver películas, aínda que debería andar un pouco máis
• Unha virtude e un defecto
É moi difícil que eu o diga
• Un consello para compartir
A moderación en política es fundamental
• Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante
Dedico pouco tempo a ler, debería ler más; gústanme as películas de acción, gústanme as cancións galegas e a música en xeral
• Unha afección
Foi a caza, agora gústame ver fútbol, coches e motos
• Un lugar que visitar
Gustaríame visitar Nova York
• Unha comida e unha bebida
Comida caseira e a auga
• Unha persoa admirada
Admiro á xente que desenvolveu moito na vida con ambición que creou algo para os demais, como Amancio Ortega, tamén aos gobernantes que fan que medren os seus pobos
• Unha posesión prezada
A casa
• Un desexo
Que lle vaia ben á miña familia e que o meu concello siga progresando, estea eu ou non
• Algo para esquecer
Non hai nada que queira esquecer
• Que é o que máis valora nunha persoa?
A seriedade
• Un desafío pendente
Teño moitos, no concello para telo cos mellores servizos posibles
• Onde se ve en cinco anos?
Non sei, voume facendo vello, o tempo dirá

0.16320013999939