A voz dos alcaldes: “O meu obxectivo é acadar un concello moderno, dinámico e preparado para o futuro”

GaliciaXa | TerraChaXa
O alcalde de Cospeito, Armando Castosa Alvariño, leva á fronte da Alcaldía de forma ininterrompida desde 1991, sempre con maioría absoluta e sostendo a porcentaxe de voto
armando-castosa-alcalde-cospeito
23 Aug 2026

Explíquenos un pouco como se iniciou na política.

Sempre tiven unha forte vocación de servizo público. Sempre me gustou avanzar, construír, crear... Achegueime á política nun momento en que crin que podía ser útil para mellorar a vida dos veciños e veciñas. No meu partido atopei un equipo de persoas coas que comparto valores como o traballo, a responsabilidade e a proximidade á xente.

Como deu o salto o recibiu o impulso para ser alcalde?

Foi unha decisión meditada, moi meditada. Cando os que naquel momento tiñan ese cometido me propuxeron asumir esta responsabilidade, entendín que era o momento de dar un paso adiante para poñerme ao servizo dese gran proxecto que é o Concello de Cospeito. Despois, o verdadeiro impulso déronmo os veciños coa súa confianza.

A nivel persoal, que sacrificios e beneficios supón formar parte do Goberno do Concello?

Ser alcalde significa renunciar a moito tempo persoal e familiar porque a dedicación é practicamente as vinte e catro horas do día. Pero a maior recompensa é poder resolver problemas, impulsar proxectos e comprobar que o traballo feito mellora o día a día da xente. Iso compensa con creces o esforzo.

Como equilibra a vida pública e a privada?

Non é nada doado, pero intento reservar momentos para a familia e para desconectar, aínda que isto último é practicamente imposible. O apoio das persoas máis próximas é fundamental. Cando un ten claro por que fai as cousas e cun propósito definido, tamén aprende a organizar mellor o tempo.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

Seguir traballando por un Cospeito con máis oportunidades, mellores servizos públicos e unha maior ca lidade de vida. O meu obxectivo é acadar un concello moderno, dinámico e preparado para o futuro, sempre escoitando aos veciños.

E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?

Continuaremos mellorando as infraestruturas, reforzando os servizos municipais, apoiando e promovendo o sector primario, impulsando a actividade económica e promovendo o solo industrial que temos á disposición de empresas e autónomos. Seguiremos cunha forte aposta pola cultura, o deporte e a atención ás persoas maiores e á mocidade. Tamén seguiremos captando investimentos doutras administracións. O coidado e a promoción turística seguirán sendo un eixo de relevancia na acción de goberno, con especial atención aos nosos espazos e áreas naturais, coa Lagoa de Cospeito como eixo central. Por último, gustaríame destacar dúas actuacións nas que estamos traballando con moita ilusión e que, ademais, se complementan entre si. Unha é a mellora da conciliación laboral e familiar, coa intensificación de medidas que permitan compatibilizar o traballo coa vida persoal e familiar. Outra é un gran complexo residencial para persoas maiores e dependentes no que estamos inmersos. A compra de terreos, así como as cuestións técnicas ou urbanísticas, están moi avanzadas e moi pronto faremos a presentación deste proxecto que significará un novo e gran servizo para Cospeito.

Cales son as principais liñas do seu programa?

Proximidade aos veciños, investimento responsable, mellora de servizos (estamos traballando para unha modernización no servizo de recollida de lixo e en programas de dixitalización e informatización con últimas tecnoloxías para a xestión de augas), creación de oportunidades para que a xente nova poida quedar en Cospeito e unha coordinación de todo isto cunha xestión transparente e eficiente dos recursos públicos. Son algunhas das liñas do noso programa, que non todas (sería imposible nomealas nesta entrevista).

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

Manter e mellorar os servizos (infraestruturas viarias, principalmente) nun concello moi disperso, fixar poboación, crear oportunidades económicas e seguir modernizando infraestruturas. Son retos compartidos por moitos concellos rurais e nos que debemos poñer todo o noso empeño e seguir avanzando.

De que proxectos se sente máis orgulloso?

De todos aqueles que melloraron a vida das persoas. É difícil escoller un só, pero síntome especialmente satisfeito de ver como se foron materializando investimentos e servizos que hoxe xa forman parte do día a día dos veciños. Por nomear un, que estamos rematando e que trouxo moitos anos de esforzo e de investimentos millonarios, destacaría o abastecemento municipal de auga (que ademais, como vai baixo terra, non se ve), pero que, a pesar da brutal dispersión de poboación, conseguimos chegar aos distintos barrios de todas as parroquias do concello.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?

Gustaríame que me visen como unha boa persoa, próxima, accesible, honesta e traballadora, que intenta escoitar a todo o mundo e tomar decisións pensando sempre no interese xeral de Cospeito.

Como é a súa relación coa oposición?

Desde o respecto institucional. Podemos ter diferenzas políticas, que son normais en democracia, pero creo que sempre ten que haber espazo para dialogar e colaborar cando o importante é o ben do concello.


EN CLAVE PERSOAL

• Idade, estado civil e familiar
62 anos, casado e orgulloso da miña familia
• Profesión e formación
Funcionario de carreira da Administración local. Estudei Ciencias Empresariais
• E si non fora funcionario, que lle gustaría ser?
Tiven moitas inquedanzas, pero sempre me atraeu o ámbito da Administración e da xestión
• Que quería ser de maior?
Un profesional que traballara para mellorar a vida dos demais
• Que fai para desconectar?
Imposible desconectar, pero axúdame saír á natureza, a facer deporte, camiñar, ler, coidar o xardín...
• Unha virtude e un defecto
Aínda que se digo que son “perfectamente imperfecto”, probablemente me achegaría moito aos dous conceptos. En todo caso, son “humano, demasiado humano”, que diría Nietzsche.
• Un consello para compartir
Non son de dar consellos. Quizais, escoitar máis e falar menos.
• Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante
Hai tantos e tan bos!! En xeral, todos os clásicos como Cantares Gallegos, Galván en Saor ou Memorias de Adriano (que estou relendo). No cine pasa o mesmo. Aí van tres por distintos motivos: El Padrino, Cinema Paradiso e Forrest Gump. En música ABBA e Juan Pardo
• Unha afección
A lectura e o tenis, tanto para practicar como para ver
• Un lugar que visitar
Calquera recuncho de Galicia e, imprescindible, a Lagoa de Cospeito
• Unha comida e unha bebida
Cocido galego, auga de Fontoira e un bo viño da Ribeira Sacra (que lles recomendaría moito aos membros da Unesco). De sobremesa: filloas de Muimenta
• Unha persoa admirada
Os meus pais e os meus catro avós, que tiven a inmensa fortuna de coñecer e desfrutar
• Unha posesión prezada
O amor dos meus e a confianza dos veciños e veciñas
• Un desexo
Que Cospeito siga medrando sen perder a súa identidade e convivir en paz
• Algo para esquecer
Os momentos difíciles que viviron moitas familias na pandemia
• Que é o que máis valora nunha persoa?
A lealdade e a honestidade
• Un desafío pendente
Que cada vez máis xente nova poida desenvolver o seu proxecto de vida en Cospeito
• Onde se ve en cinco anos?
Desenvolvendo calquera proxecto con traballo e ilusión

0.12129306793213