A Xira, a antesala das festas patronais de Vilalba para todas as idades

A Xira dos Maiores volverá ser este ano a encargada de abrir as festas patronais de San Ramón e Santa María de Vilalba. A cita celebrarase este mércores 26 na explanada da área recreativa da Madalena, cunha xornada dedicada á convivencia, ao reencontro e ao desfrute das persoas maiores do municipio.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Servizos Sociais, Paula Vigo, foron as encargadas de presentar unha programación que combina celebración, música e gastronomía e que se converte xa nunha das citas que marcan o inicio do programa festivo da vila.
Os actos comezarán ás 12:30 horas cunha misa cantada pola Coral Luar. A continuación, o Dúo Venus será o encargado de poñer música á sesión vermú, antes do tradicional xantar popular, previsto para as 14:30 horas.
O menú estará composto por xamón cocido, polbo, churrasco e criollo, sobremesa, pan, bebida e café, cun prezo de 20 euros por persoa. O Concello de Vilalba asumirá unha parte importante do custo a través da Concellería de Servizos Sociais, co obxectivo de facilitar a participación das persoas maiores.
O prazo para inscribirse previamente no punto de información da Casa do Concello xa rematou.
Despois do xantar, a festa continuará pola tarde cunha sesión de baile novamente amenizada polo Dúo Venus, prolongando unha xornada pensada para compartir e gozar en comunidade.
Marta Rouco destacou a importancia de que as persoas maiores dispoñan de espazos propios para o encontro e a participación. A alcaldesa subliñou que o Concello quere seguir creando oportunidades para que este colectivo participe activamente na vida social do municipio e apostando polo envellecemento activo.
A Xira dos Maiores forma parte, ademais, dunha programación municipal máis ampla dirixida ás persoas maiores, que inclúe os bailes periódicos no Centro Cultural e actividades de dinamización nas parroquias. Os bailes, que levan celebrándose todo o inverno tiveron unha gran acollida.
Con esta nova edición, Vilalba volverá iniciar as súas festas patronais cunha celebración protagonizada polas persoas maiores do municipio, que serán as encargadas de dar o primeiro paso cara a varios días de festa en honra de San Ramón e Santa María.

XIRA CAMPESTRE
As festas patronais de San Ramón e Santa María de Vilalba volverán ter na Xira a súa previa de luxo, unha celebración que este ano se estenderá durante toda a fin de semana do 28 ao 30 de agosto na explanada da Área Recreativa da Madalena. A programación estará pensada para o encontro entre amigos e familias, coas tradicionais merendas e un ambiente festivo que converte esta cita nunha das máis agardadas do calendario vilalbés.
A Xira é, ano tras ano, a gran antesala das festas patronais e unha das celebracións con maior participación popular, especialmente entre a mocidade. A súa importancia vai máis alá da programación musical: é un punto de encontro para a veciñanza, unha tradición que marca o comezo dos días grandes de Vilalba e unha celebración que reúne diferentes xeracións arredor da música, a gastronomía e a convivencia.
Centenares de cuadrillas, formadas por xente nova e maior, acoden á área recreativa da capital chairega, situada xunto ao río Magdalena, para desfrutar de comidas campestres e das actuacións das orquestras. Á xira acoden moitos vilalbeses, pero tamén veciños doutros municipios chairegos. A afluencia de xente obriga a establecer un dispositivo de tráfico, concretando as vías de acceso e de saída.
De feito, a proposta é definida pola organización como “un exemplo de dinamización cultural que nace da xente moza, que aposta polo talento local e pola diversidade musical, e que xa é unha cita imprescindible dentro das nosas festas patronais”.
A programación arrincará o venres 28 de agosto coa V Sesión de DJs Locais, que terá lugar na explanada da Madalena a partir das 20:30 horas congregando ao público ata que teña o seu inicio oficial unha hora máis tarde. A noite contará coas actuacións de David García, Cris Vázquez, Bris Trad, Decrux e Shera & Sile, nunha proposta que volve poñer o talento local no centro da Xira.
A música continuará o sábado con novas actividades dentro da programación festiva da fin de semana, mantendo a Madalena como principal punto de encontro da Xira.
Nesta ocasión estarán en sesión vermú, a partir das 13.30 horas o grupo La Bamba e a orquestra Galaxia, que farán dobrete a partir das 22.30 horas na verbena.
O domingo 30 de agosto chegará unha das citas tradicionais da celebración: a sesión vermú longa, que comezará ás 13:30 horas na explanada da Área Recreativa da Madalena e estará amenizada polo Grupo La Tremenda.
A última xornada da Xira servirá tamén de transición cara ás festas patronais. Ás 19:00 horas terá lugar o pregón, mentres que pola noite, a partir das 22:30 horas, o Campo da Feira acollerá a verbena, coa actuación da Orquestra Los Satélites e do Grupo Origen.
A programación permitirá así pechar a Xira por todo o alto e dar paso oficialmente aos días grandes de Vilalba, despois dunha fin de semana na que a Madalena volverá ser o epicentro da celebración.
Deste xeito, a Xira mantén o seu carácter de celebración colectiva e interxeracional, combinando tradición e novas propostas e converténdose un ano máis no punto de partida das festas de San Ramón e Santa María.
Esta celebración ten unha longa tradición na vila e só foi suspendida durante a pandemia.
RESPONSABILIDADE
Para que todo transcorra con normalidade e sexa un éxito, o concello fai un chamamento a todos os veciños e veciñas para compaxinar a celebración co respecto á contorna natural e ao medio ambiente, prestando especial atención e consideración naquelas zonas ou terreos de propiedade privada.
Este sería o caso da maior parte dos terreos situados no monte da xira, onde se desenvolverá con normalidade tal e como se viña facendo anteriormente, pero incidindo na necesidade de evitar prácticas que podan ocasionar danos á natureza, así como pedindo a limpeza posterior e adecuada xestión dos residuos, tanto nas zonas públicas como privadas, tendo en conta que estas últimas son cedidas polas persoas propietarias dos terreos para esta celebración.
Ademais, lembran a importancia de deixar os accesos libres e poñer as merendas dun xeito ordenado que permita a convivencia de todos os grupos.