A Xira de Vilalba contará con dous espazos diferenciados como Punto Violeta

TerraChaXa
O Concello habilitará este recurso o venres 28 e o sábado 29 de agosto na explanada da Madalena, cunha carpa destinada á sensibilización e outra para garantir unha atención individualizada
punto-violeta-xira-campestre
25 Aug 2026

O Concello de Vilalba reforzará este ano o Punto Violeta da Xira Campestre, unha iniciativa orientada á prevención da violencia sexual e á creación dun entorno festivo máis seguro, respectuoso e libre de agresións.

A alcaldesa e concelleira de Igualdade, Marta Rouco, e a concelleira Paula Vigo, presentaron esta iniciativa, que estará novamente presente durante as noites da Xira Campestre na explanada da Madalena.

Como principal novidade desta edición, o Punto Violeta contará con dúas carpas diferenciadas, co obxectivo de ofrecer unha atención máis completa e adaptada ás diferentes necesidades.

Un dos espazos estará dedicado á información, sensibilización e concienciación, así como á entrega de pequenos agasallos para fomentar a participación. O segundo estará destinado a aquelas persoas que precisen comunicar ou abordar algunha situación concreta, garantindo maior intimidade, atención personalizada e un espazo seguro.

O punto estará atendido por profesionais especializados en violencia de xénero e violencia sexual, que ofrecerán información e asesoramento ás persoas que se acheguen.

O recurso estará operativo o venres 28 de agosto, de 23:00 a 3:00 horas, e o sábado 29 de agosto, de 22:00 a 4:00 horas, nunha das marxes da explanada da Madalena.

Desde o Concello destacan que o obxectivo é que o Punto Violeta sexa un recurso próximo e accesible para todas as persoas que participen na Xira Campestre, tanto para aquelas que queiran simplemente informarse e coñecer os recursos existentes como para quen poida necesitar apoio ante unha situación de carácter sexista ou sexual.

No caso de que se comunique unha posible agresión, activarase o protocolo establecido para este tipo de situacións, ofrecendo o acompañamento e a atención necesarios.

A alcaldesa, Marta Rouco, salienta que “queremos que as festas sexan espazos para desfrutar, compartir e convivir, e iso implica tamén garantir que todas as persoas poidan facelo con seguridade e respecto”.

“Este ano damos un paso máis co Punto Violeta, diferenciando os espazos para poder ofrecer, por unha banda, información e sensibilización e, por outra, unha atención máis íntima e personalizada cando sexa necesaria. A prevención e a concienciación tamén forman parte da organización das nosas festas”, engade.

Desde o Concello animan á cidadanía a achegarse ao Punto Violeta, coñecer o seu funcionamento e facer uso deste recurso sempre que o considere necesario.

0.13919401168823