A Xira dos Maiores de Vilalba bate récord de participación con preto de 900 asistentes

A tradicional Xira dos Maiores volveu converterse nun dos grandes puntos de encontro das festas de San Ramón e Santa María de Vilalba, cunha participación récord de preto de 900 persoas nesta edición.
A xornada estivo marcada pola convivencia e o reencontro entre a veciñanza, nun ambiente festivo que permitiu aos participantes desfrutar dunha programación pensada para compartir e celebrar en comunidade.
Os actos comezaron cunha misa cantada pola Coral Luar. Tras a celebración relixiosa, a xornada continuou coa sesión vermú e cun xantar popular, antes de rematar pola tarde coa música e o baile a cargo do Dúo Venus.
A elevada participación consolida a Xira dos Maiores como unha das citas destacadas do programa festivo de San Ramón e Santa María. A organización agradeceu a asistencia das preto de 900 persoas que participaron na celebración, así como o traballo de todas as persoas que fixeron posible o desenvolvemento da xornada.
A cita medra ano tras ano e mantén o seu carácter de encontro interxeracional, combinando festa e convivencia e reforzando o valor das tradicións e dos momentos compartidos pola veciñanza durante as festas de Vilalba.