A XIV Invernada de Cine de Cabreiros continúa este sábado coa proxección de 'As liñas discontinuas'

TerraChaXa
A iniciativa, xa consolidada na vida cultural da parroquia, busca ofrecer alternativas de lecer para diferentes públicos e reforzar os espazos de convivencia arredor da cultura
invernada-de-cine-cabreiros
20 Nov 2026

A parroquia de Cabreiros, no concello de Xermade, volver ser punto de encontro cultural coa celebración da XIV edición da Invernada de Cine, organizada pola Asociación de Veciños de Cabreiros. A programación desenvolverase ata decembro de 2026 e inclúe cinco propostas que combinan cine, coloquios, música e espectáculos de maxia.

A iniciativa, xa consolidada na vida cultural da parroquia, busca ofrecer alternativas de lecer para diferentes públicos e reforzar os espazos de convivencia arredor da cultura.

A programación que se iniciou o día 24 de outubro continuará este sábado, 21 de novembro, con As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns. A película presenta o encontro entre Bea, unha muller de 50 anos que atravesa unha separación, e Denís, un mozo trans de 28 anos que afronta a precariedade laboral e a falta de oportunidades. A sesión contará coa participación do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG).

A música tomará o relevo o 12 de decembro coa actuación de Xoán Goia e Os Rebuxentos, que presentarán o seu segundo disco, A Fraga dos Bidueiros, dedicado a Xermade. O traballo inclúe composicións vinculadas ao patrimonio musical da zona, como a Muiñeira de Cazás e a Danza de Cabreiros. A sesión contará tamén coa intervención de Pepe Coira.

A XIV edición rematará o 19 de decembro co espectáculo Maxia entre Liñas, de Dani García, unha proposta que combina maxia e clown a través do humor, a expresión corporal e a participación do público.

Con esta nova edición, a Asociación de Veciños de Cabreiros busca seguir dinamizando a vida cultural da parroquia e ofrecer un espazo no que a veciñanza e as persoas visitantes poidan compartir experiencias arredor do cine, a música e as artes escénicas. As cinco sesións celebraranse en sábado e comezarán ás 18.30 horas.

0.15704011917114