A Xunta abre o prazo de solicitude para as prácticas en empresas de menores de 30 anos cualificados e sen experiencia laboral

TerraChaXa
A Xunta abre ata o próximo 30 de outubro o prazo de solicitude para a convocatoria de axudas dirixida á realización de prácticas non laborais para os mozos e mozas con cualificación (titulación universitaria, ciclo de grao medio ou superior ou certificado de profesionalidade) para facilitar o seu acceso posterior ao mercado laboral.
1 Out 2017

A Xunta abre ata o próximo 30 de outubro o prazo de solicitude para a convocatoria de axudas dirixida á realización de prácticas non laborais para os mozos e mozas con cualificación (titulación universitaria, ciclo de grao medio ou superior ou certificado de profesionalidade) para facilitar o seu acceso posterior ao mercado laboral.

Esta iniciativa, que se publicou o pasado venres no Diario Oficial de Galicia (DOG), forma parte das diferentes actuacións que está a levar a cabo o Goberno galego a través do Sistema de Garantía Xuvenil.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas con centro de traballo en Galicia que, logo da sinatura dun convenio de prácticas non laborais co Servizo Público de Emprego de Galicia no marco do Real decreto 1543/2011, do 31 de outubro, subscriban acordos con persoas novas para a realización das prácticas.

Os participantes, que terán que estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e ter entre 18 e 30 anos, non deberán contar cunha relación laboral ou outro tipo de experiencia laboral superior a tres meses na mesma actividade. As prácticas, coas que se prevé beneficiar a 100 mozos e mozas, terán unha duración de entre seis e nove meses. Nesta actuación, a Administración autonómica inviste preto de 600.000 euros.

Os beneficiarios recibirán unha bolsa de apoio por parte das empresas que financiará a Administración autonómica. A contía da mesma dependerá das horas diarias. Así, o Goberno galego apoiará cun mínimo de 538 euros mensuais as prácticas non laborais de menos de 4 horas ao día e cun máximo de 753 euros mensuais as de máis de 4 horas.

Esta actuación forma parte da Axenda 20 para o Emprego coa que o Goberno galego está a favorecer o emprego xuvenil, impulsando o traballo estable e de calidade.

O Goberno galego, mediante o Sistema de Garantía Xuvenil, favorece o acceso ao mundo laboral dos mozos e mozas a través de catro eixos principais: a mellora da intermediación, da empregabilidade, incentivos á contratación e o fomento do emprendemento. Para apoiar á mocidade, a Xunta está a investir este ano 40 millóns de euros para formación, contratación e emprendemento.

0.18574380874634