A Xunta achega 506.000 euros ao obradoiro dual de emprego Terras do Sor VIII, que comparten O Vicedo, Muras e Ourol

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina 506.000 euros ao obradoiro dual de emprego Terras do Sor VIII, unha iniciativa promovida polo Concello do Vicedo en colaboración cos municipios de Muras e Ourol.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou este luns ás persoas participantes no programa, que comezou no mes de xuño e continuará ata febreiro do próximo ano.
O obradoiro conta con 20 prazas e inclúe tres especialidades formativas. Dúas delas están vinculadas aos traballos de carpintería e moble, mentres que a terceira céntrase nas tarefas de conservación e mellora de montes.
Durante a visita, Villares destacou que este tipo de programas permiten ás persoas desempregadas mellorar a súa preparación profesional ao combinar formación teórica e práctica en sectores con demanda de traballadores.
O delegado territorial tamén puxo en valor as actuacións de interese público que se realizan nos municipios participantes. No caso do Vicedo, os traballos céntranse no acondicionamento de diferentes rutas de sendeirismo e na fabricación de mobiliario de madeira para uso municipal, como cadeiras pregables, bancos, papeleiras destinadas a zonas verdes e un soportal para o centro social do Folgueiro, entre outras actuacións.
En Muras e Ourol, as tarefas previstas estarán relacionadas coa elaboración de mobiliario de madeira. Entre os traballos que se desenvolverán figuran a fabricación de cadeiras pregables para centros sociais de distintas parroquias, varandas, bancos, cubre-contedores e diverso mobiliario para dependencias municipais.