A Xunta achega 84.000 euros para a depuración de augas e o aforro enerxético do polígono industrial de Guitiriz

TerraChaXa
A Xunta de Galicia vén de aprobar novos investimentos no concello de Guitiriz, como son as melloras no parque empresarial, elevando o importe das actuacións que están en marcha neste municipio a preto de 800.
2 Ago 2017

A Xunta de Galicia vén de aprobar novos investimentos no concello de Guitiriz, como son as melloras no parque empresarial, elevando o importe das actuacións que están en marcha neste municipio a preto de 800.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria achega máis de 84.000 euros de financiamento para unha nova planta de depuración de augas pluviais e obras de aforro e eficiencia enerxética na iluminación pública do polígono industrial.

Este programa de axudas ten por obxecto a mellora dos servizos e o acondicionamento de infraestruturas existentes ou de nova incorporación co fin de que as empresas radicadas nos parques empresariais de Galicia poidan dispoñer de condicións máis competitivas para desenvolver a súa actividade económica.

Así, a consellería axuda aos concellos a mellorar a dotación de servizos centralizados e infraestruturas públicas como os viais, a xestión de residuos ou os sitemas de abastecemento e saneamento, subministro eléctrico e seguridade, entre outros.

Por outra banda, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria tramita a licitación das obras de reforma integral de rehabilitación enerxética do Colexio de Educación Infantil e Primaria Lagostelle, cun orzamento previsto de preto de 668.000 euros.

Igualmente, a través de Turismo de Galicia ven de achegar 24.552 euros para a mellora da sinalización e da accesibilidade da coñecida como Ruta da Auga, incidindo así tamén no desenvolvemento turístico do municipio. Ao respecto, cabe lembrar que a Xunta financia tamén a contratación dun socorrista para a piscina durante os meses de verán.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, puxo en valor estes apoios e salientou que o Goberno galego colabora cos concellos lucenses, sen importar a cor política das alcaldías, cofinanciando importantes proxectos a impulsar dentro da liña de axudas que ten en marcha cada consellería e que contribuirán, cada unha delas no seu ámbito, á mellora da calidade de vida e da prestación de servizos públicos á súa veciñanza.

Adxudicacións no parque empresarial

O consello de administración da empresa pública Xestur vén de adxudicar en réxime de compravenda unha parcela de 4.834 metros cadrados no parque empresarial de Guitiriz por un importe de 108.765 euros. A Xunta bonifica o 50% achegando outros 108.765 euros.

0.13471984863281