A Xunta achega axudas ao comercio lucense para reforma de locais, alugueiro de novos establecementos e conexión á rede

TerraChaXa
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro explicou que o Goberno galego vén de poñer en marcha un novo plan de axudas para o sector do comercio que, entre outras iniciativas, permitirá apoiar as obras de reforma dos locais, os gastos de alugueiro de novos establecementos e a presenza na rede internet.
2 Sep 2017

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro explicou que o Goberno galego vén de poñer en marcha un novo plan de axudas para o sector do comercio que, entre outras iniciativas, permitirá apoiar as obras de reforma dos locais, os gastos de alugueiro de novos establecementos e a presenza na rede internet.

Balseiro indicou que para o desenvolvemento deste plan a Xunta de Galicia destina dous millóns de euros e a el poden acceder todo tipo de persoas físicas ou xurídicas coa única condición de que sexan comerciantes retallistas, desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e empreguen a menos de 50 traballadores.

A axuda está conformada de tal xeito que só busca favorecer o pequeno comercio e as PEMES xa que logo non poden acceder nin os grandes establecementos comerciais nin aquelas empresas que teñan máis de 150 metros de superficie de exposición e venda, salvo que operen en algún ámbito como pode ser a venda de mobles, que si poderían superar esa superficie.

Tres liñas de apoio
A nova axuda da Xunta está configurada en tres liñas de apoio, a primeira delas, está dirixida a incentivar a posta en marcha de proxectos de expansión comercial, isto é a apertura dun novo establecemento comercial e a contratación dunha persoa como mínimo durante un ano. Neste caso subvenciónanse as obras de reforma e acondicionamento integral, incluído as actuacións de mellora da fachada, toldos, carteis, letreiros,..., e os custos do proxecto técnico.

Para o conxunto destas actuacións o investimento máximo subvencionable será de 60.000 euros IVE excluído, e o investimento mínimo de 10.000 euros, tamén IVE excluído. A porcentaxe de subvención será o 50 % do investimento.

A segunda das liñas de apoio vai dirixa á posta en marcha de proxectos pop-up, de expansión comercial, isto é, nova apertura dunha tenda temporal para prospección de mercados, marketing ou para fomentar unha futura presencia nun concello diferente.

Este establecemento deberá estar situado nun concello distinto a aquel en que se ven desenvolvendo a actividade comercial e terá por obxecto testar o novo mercado.

Subvenciónanse tanto o aluguer do local cun máximo de dúas mensualidades como, no seu caso, o acondicionamento da superficie de exposición e venda e a mellora da imaxe da fachada, a adquisición ou alugamento de moblaxe e equipamento para exposición.

Para o conxunto destas actuacións o investimento máximo será de 7.000 euros IVE excluído. A porcentaxe será do 50 % do investimento máximo. A subvención polo alugamento do local será dun máximo de 1.500 euros.

E finalmente a terceira liña ten que ver coa titorización de proxectos de expansión dixital, considerado como asesoramento profesional e especializado para a implantación e seguimento dun plan de comunicación dixital personalizado.

Para esta actuación, o investimento máximo subvencionable será de 1.800 euros IVE excluído, e a porcentaxe de subvención o 60% do investimento máximo.

Ata o 11 de setembro
Balseiro salienta que estes e outros apoios buscan xerar un Lugo con máis oportunidades e insiste en que son liñas especialmente importantes na nosa provincia por canto o sector comercial é unha fonte constante de actividade económica e tamén de emprego.

O delegado territorial anima a todas os comerciantes interesados a ampliar información sobre estas axudas e presentar a súa solicitude de apoio diante da Xunta de Galicia –Dirección xeral de Comercio- antes do 11 de setembro, data na que remata o prazo de solicitude.

0.14276194572449