A Xunta acondiciona as marxes da estrada LU-113 ao seu paso por Moncelos

A Xunta de Galicia está a executar traballos de acondicionamento das marxes da estrada LU-113, que comunica Rozas con Abadín, ao seu paso pola parroquia de Moncelos.
As actuacións consisten na adecuación dos arcéns mediante a execución de tramos de formigón e a instalación de tubos, preparando o terreo para a futura construción dunha beirarrúa. Esta intervención permitirá mellorar as condicións de tránsito dos peóns e reforzar a seguridade viaria neste tramo, facilitando os desprazamentos a pé da veciñanza.
Os traballos responden a unha demanda trasladada polos residentes na zona, que viñan reclamando unha mellora neste punto da estrada para poder contar cunhas condicións de mobilidade máis seguras.
Desde o Concello de Abadín valoran positivamente a intervención da Administración autonómica, que consideran un avance na mellora das infraestruturas viarias e na seguridade da veciñanza de Moncelos.