A Xunta activa a alerta laranxa por choivas no centro e na montaña de Lugo

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa
Suspéndese mañá a actividade deportiva federada no exterior, agás os deportes náuticos e acuáticos federados, nos concellos afectados polo fenómeno meteorolóxico adverso
temporal-chuvia-choiva-vento-estrada
15 Jul 2026

A Xunta activou para mañá a alerta laranxa por choivas no centro e na zona de montaña de Lugo. Co fin de garantir a seguridade dos bens e das persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta laranxa activarase mañá a primeira hora da tarde no centro e na zona de montaña de Lugo por precipitacións con acumulacións de 30 mm nunha hora.

A Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes acordou a suspensión mañá da actividade deportiva federada no exterior, agás os deportes náuticos e acuáticos federados, nas zonas afectadas pola alerta laranxa. Os municipios afectados e os horarios de vixencia da alerta poden consultarse na web de Deporte Galego.

Ante as fortes choivas recoméndase circular con precaución e informarse previamente do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a inundarse e non aparcar nas beiras dos ríos.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Os municipios afectados son:

CENTRO DE LUGO: Abadín, Antas de Ulla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Monterroso, Muras, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pol, Portomarín, Rábade, Riotorto, Sarria, Vilalba, Xermade.

MONTAÑA DE LUGO: Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos, Triacastela.

0.11686086654663