A Xunta adxudica a mellora de catro estradas nas comarcas de Lugo e Terra Chá
Actuarase nas estradas LU-111, LU-121, LU-120 e LU-113 nos municipios de Rábade, Abadín, Vilalba, Begonte, Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar por un importe de 3.088.113 euros as obras de mellora do firme en 4 estradas autonómicas ao seu paso polas comarcas de Lugo e da Terra Chá.
As actuacións, adxudicadas á empresa Probisa Vías y Obras S.L.U., teñen como obxectivo rehabilitar o firme en varios treitos das estradas LU-111, LU-121, LU-120 e LU-113, nos municipios de Rábade, Abadín, Vilalba, Begonte, Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza.
A previsión é comezar os traballos a finais do mes de xullo. As obras contan cun prazo de execución de 6 meses.
As intervencións obxecto deste contrato permitirán actuar na LU-111, do punto quilométrico 0 ao 12+910 e do 13+980 ao 18+420, nos concellos de Rábade, Begonte, Cospeito e Vilalba.
Ademais, intervirase na LU-121, desde o quilómetro 0+000 ao 3+700, nos concellos de Vilalba, Cospeito e Abadín.
Na LU-120 mellorarase o firme desde o quilómetro 0+000 ao 30+390, que discorre polos municipios de Vilalba, Cospeito, Abadín, Castro de Rei e A Pastoriza.
Na LU-113 acometeranse traballos desde o punto quilométrico 0+000 ao 6+000, nos concellos de Castro de Rei, Cospeito e Abadín.
As intervencións consistirán na rehabilitación superficial do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, completado co repintado das marcas viarias.
Tamén se inclúen neste contrato outras actuacións adicionais, como a limpeza e reperfilado de marxes e a execución de gabias de seguridade de formigón.