A Xunta amplía o orzamento das axudas para a apicultura

TerraChaXa
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que amplía en case 121.
29 Xuño 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que amplía en case 121.000 euros o orzamento das axudas destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura, co que a partida presupostaria queda fixada agora nos 724.105 euros.

A orde vai destinada tanto a particulares titulares de explotacións apícolas como a cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia. Dispón de catro liñas de subvención diferentes: para a asistencia técnica (dirixida só a agrupacións de apicultores), para a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, para a transhumancia e para medidas de apoio á repoboación da cabana apícola.

No primeiro caso, será subvencionable a contratación de ata dous técnicos, un deles veterinario, para dar información e asistencia técnica aos apicultores nas asociacións. Nesa primeira liña de achegas tamén se poderá financiar a organización de cursos e xornadas, así como a edición de folletos e publicacións como sistema de divulgación.

No relativo á loita contra as enfermidades, inclúense tanto a adquisición de tratamentos quimioterápicos e outros compatibles coa apicultura ecolóxica contra a varroase como a sobrealimentación das colmeas e a renovación e purificación de cera. Na liña da transhumancia, a axuda deberá ir destinada á adquisición, conservación e mellora dos medios de transporte, para sistemas de protección ou vixilancia antirroubo, para a mellora e acondicionamento de asentamentos, camiños e sendas, e para a subscrición de seguros de responsabilidade civil das colmeas. Por último, as medidas de apoio á repoboación están enfocadas, fundamentalmente, á cría e adquisición de raíñas.

A convocatoria destas axudas faise en réxime de concorrencia competitiva, baixo criterios pactados co sector. Así, darase prioridade a aspectos como a dimensión das explotacións (número de colmeas), a pertenza á IXP Mel de Galicia ou a adscrición a unha Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira. Tamén se valorará o feito de que as explotacións solicitantes ostenten titularidade compartida ou a cargo de persoas mozas, que as colmeas estean en zonas desfavorecidas ou rexistradas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), entre outras cuestións.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro luns 29 de xuño.

0.18663501739502