A Xunta amplía o prazo para as axudas ás agrupacións e asociacionismo forestal

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde mediante a cal se modifica a convocatoria de axudas para accións de fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta e o asociacionismo forestal en réxime de concorrencia competitiva, cun orzamento de preto de 2,4 millóns de euros.
17 Mar 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde mediante a cal se modifica a convocatoria de axudas para accións de fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta e o asociacionismo forestal en réxime de concorrencia competitiva, cun orzamento de preto de 2,4 millóns de euros. O financiamento procese integramente da Unión Europea a través dos fondos asignados á Xunta de Galicia con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea -NextGenerationEU-.

Estas subvencións, convocadas por primeira vez, contan con tres liñas de axuda. A primeira está centrada na organización de accións de divulgación sobre agrupacións forestais de xestión conxunta; a segunda, sobre o apoio á asociacións sen ánimo de lucro que teñan como obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais; e a terceira é para a creación e apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta. O prazo de solicitude das dúas primeiras amplíase un mes, ata o 12 de abril, mentres que a última son 40 días, ata o 10 de maio.

Esta ampliación permite que as persoas que xa formularon solicitude no prazo transcorrido ata a publicación desta orde poidan manter ou modificar a solicitude, ou que aquelas persoas que non o fixesen con anterioridade, poidan solicitar algunha destas axudas tendo en conta as novas condicións. Ademais, tamén se modifica o prazo de execución das actuacións que son obxecto de subvención, pasando a ser desde a data de publicación da orde de convocatoria -o 12 de xaneiro de 2024- ata o 31 de xullo de 2025.

O orzamento dispoñible para a primeira é de 200.000 euros e poderanse beneficiar asociacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro que sexan representativas ou estean relacionadas coa propiedade forestal, así como as comunidades e mancomunidade de montes veciñais en man común.

Na segunda liña de axudas, o orzamento é de 400.000 euros e as actuacións subvencionables son a contratación de persoal técnico para facer traballos vinculados coa comercialización conxunta de produtos forestais, a dotación e mantemento de infraestruturas para o desenvolvemento da actividade de comercialización e para o equipamento técnico e materiais necesarios para levala a cabo.

Potenciar as agrupacións forestais de xestión conxunta

A terceira das liñas de axudas destínase á creación e apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta e contará cunha asignación total de 1.798.931 euros. Estas achegas destinaranse para a creacións destas agrupacións mediante calquera figura xurídica de natureza civil ou mercantil que promova, impulse e poña en marcha iniciativas de xestión conxunta sustentable e diversificada de terreos dedicados á actividade forestal.

Estas axudas tamén apoiarán a aquelas agrupacións xa inscritas no correspondente rexistro, a fin de dar o necesario soporte de carácter loxístico, operativo e integral que precisan.

As actuacións que serán subvencionables serán aquelas que se precisan para a constitución, ampliación e xestión dunha agrupación forestal de xestión conxunta, como son os gastos de tramitación e inscrición da entidade solicitante, revisión do parcelario e estado das parcelas, investigación da titularidade, adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos, inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, implantación dos sistemas de certificación internacionalmente recoñecidos e incorporación de servizos ecosistémicos e boa gobernanza das sociedades de fomento forestal (Sofor).

Primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040

Esta iniciativa está aliñada coa primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, cara á neutralidade carbónica, aprobado polo Decreto 140/2021, do 30 de setembro, que se estrutura en distintos eixos estratéxicos de intervención para o deseño e execución da política forestal galega.

Concretamente, esta convocatoria de axudas contribúe a acadar os obxectivos estratéxicos do Programa de fomento de agrupacións forestais de xestión conxunta.

Consulta o DOG aquí

0.12296915054321