A Xunta anuncia en Muras que se incrementará a variación de potencia dos proxectos eólicos para a súa modernización

GaliciaXa | TerraChaXa
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou as obras de repotenciación do parque eólico
visita-parque-eolico-muras
15 Oct 2026

A Xunta aprobará un incremento da variación máxima da potencia para facilitar a modernizacións dos parques eólicos existentes en Galicia a través de proxectos de repotenciación para producir máis enerxía, con menos impacto e con maiores beneficios ambientais.

Así o explicou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha visita ás obras que se están a acometer con este obxectivo no parque eólico de Muras. A representante autonómica avanzou que se modificará a normativa sectorial eólica galega, a través da próxima Lei de medidas dos orzamentos da Xunta do ano 2027, para elevar dun 10% a un 20% a variación máxima de potencia autorizada para que un proxecto de repotenciación se poida considerar unha modificación non substancial do parque orixinal.

Neste senso e dado o avance da tecnoloxía nos últimos anos e que hoxe se dispón de aeroxeradores moito máis modernos, eficientes e con maior potencia que cando se comezaron a tramitar moitos destes proxectos, o Goberno galego impulsa este cambio normativo para facilitar que os parques eólicos poidan substituír equipamentos antigos por tecnoloxía actual sen obrigalos a iniciar unha tramitación máis complexa e prolongada no tempo, pensada para cambios de moito maior alcance.

De feito, Ángeles Vázquez lembrou que as obras de modernización do parque eólico de Muras, promovido por Iberdrola, forman parte dos 9 proxectos de repotenciación autorizados pola Xunta entre os anos 2024 e 2025. En total, son 24 os parques galegos con actuacións deste tipo xa rematadas, en execución ou solicitadas e no seu conxunto permitirán reducir o número de aeroxeradores de 1.047 a só 150, 897 máquinas menos e unha redución superior ao 85%, e incrementarase nun 35% a produción de enerxía.

No caso concreto de Muras, a repotenciación permitirá substituír 74 aeroxeradores antigos por tan só 11 novos, máis modernos, eficientes e adaptados ás esixencias ambientais actuais, mantendo unha potencia de 47,3 megavatios. Ademais, os novos equipos incorporarán medidas específicas para protexer a fauna da contorna, especialmente as aves, e liberarán entre 25 e 30 hectáreas de terreo unha vez finalizadas as obras, conseguindo así un mellor aproveitamento do recurso eólico e maiores beneficios ambientais.

Procedementos máis claros, previsibles e eficientes

A maiores, Ángeles Vázquez aproveitou para lembrar que estas modificacións forman parte dunha liña de traballo máis ampla que se está impulsando desde a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para conseguir procedementos máis claros, previsibles e eficientes sen reducir nin unha soa garantía ambiental.

Nesta liña, a Conselleira incidiu en que se acababa de publicar unha guía pioneira en España para facilitar a avaliación ambiental dos proxectos cunha metodoloxía común para que se coñezan de primeira man os criterios a aplicar para elaborar os estudos de impacto ambiental, incluídos os parques eólicos. Neste caso, permitirá analizar a afectación das obras aos beneficios que proporciona a natureza ademais das afeccións sobre as especies ou os hábitats para identificar mellor os posibles impactos, comprobar a eficacia das medidas ambientais e reducir as consultas e os requirimentos posteriores que alongan os procedementos.

Para concluír, a representante do Goberno galego recordou que tanto coa nova guía como coa modificación legal para o sector eólico de Galicia o que se busca é facilitar a modernización tecnolóxica, ofrecer maior seguridade xurídica e sobre todo, manter intacta a protección ambiental.

0.1482720375061